Xornadas de portas abertas
Ciencia Singular é a xornada de portas abertas onde a investigación de excelencia da USC abre as súas portas á cidadanía.
O CiMUS súmase ao CiQUS, CiTIUS e IGAFE para celebrar o maior encontro divulgativo anual, que invita a familias e visitantes de todas as idades a achegarse á investigación realizada no ecosistema científico da Rede de Centros Singulares da USC.
O programa inclúe charlas divulgativas impartidas por recoñecidos investigadores principais do noso centro, estas charlas poden seguirse por streaming na canle de YouTube do CiMUS, obradoiros interactivos para adolescentes e adultos nos que aprender diferentes temas relacionados coa investigación biomédica de xeito práctico, percorrido polas instalacións da Plataforma Innopharma e o Obradoiro de Ciencia Divertida dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o CiMUS organiza un obradoiro para nenas e nenos dos centros educativos locais.
O obxectivo das xornadas é visibilizar o traballo das mulleres científicas, promover o papel das mulleres nos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero nestes ámbitos.
O obxectivo desta xornada é presentar as liñas de investigación dos grupos pertencentes ao CiMUS ao alumnado da Facultade de Bioloxía da USC. Ademais dunha charla informativa para coñecer o funcionamento do centro, o alumnado poderá visitar os laboratorios e realizar unha sesión de networking na que participan investigadores experimentados e investigadores principais de cada grupo participante.
Esta actividade facilita aos estudantes a elección dun ámbito e dun proxecto para realizar o seu traballo fin de grao e ofrécelle un punto de partida para iniciar a súa futura actividade científica.