Identificación e testado de dianas para malformacións cerebrais vasculares
Os cavernomas cerebrais son malformacións dos vasos sanguíneos do cerebro que forman grandes espazos (cavernas) en lugar de tubos, que ocupan espazo dentro do cranio e poden sangrar. Adoitan formarse porque un xene chamado CCM é defectuoso, pero non se sabe exactamente como este defecto xenético provoca o desenvolvemento da enfermidade.
As malformacións cavernosas cerebrais son malformacións vasculares evolutivas, que ocorren aproximadamente nunha de cada 200 persoas, caracterizadas por densos acios de capilares dilatados de forma irregular, que poden causar manifestacións neurolóxicas variables tales como convulsións, cefaleas inespecíficas, déficits neurolóxicos focales, outros trastornos transitorios ou progresivos e hemorraxias cerebrais. Co aspecto dunha amora pequena, evolucionan e ocasionan problemas no cerebro e na medula espinal. Estas malformacións, cuxo tamaño pode variar desde 2 milímetros ata varios centímetros de diámetro, poden ser hereditarias, o que se denomina cavernomatosis familiar e é moito máis rara, pero na maioría dos casos aparecen por si soas.
O estudo do Laboratorio de Bioloxía Vascular, dirixido polo Catedrático Juan Zalvide, demostrou que as dúas proteínas STK24 e STK25 son importantes neste proceso, o que permite entender mellor que é o que falla nas células do cavernoma e pode axudar a descubrir novos tratamentos para elas. Ata o de agora desenvolveron varios modelos celulares que reproducen moitas das características das que forman estas malformacións.
O seguinte paso será utilizar eses modelos para identificar moléculas específicas aos que estas células alteradas sexan máis sensibles que as células sas. En resumo, atopar moléculas que, no futuro, permitan desenvolver fármacos para tratar estas malformacións cerebrais, trastornos que ata a data só poden tratarse mediante neurocirugía e con todo, non é aplicable a todos os casos.
