Ir o contido principal
Seminar

Claves moleculares de saúde, enfermidade e lonxevidade: novos marcos de pensamento 

Carlos López Otín

13 Maio 2025 13:00–14:30

Theatre room, CiMUS

O próximo martes 13 de maio ás 13:00 h, teremos a honra e o privilexio de recibir ao profesor Carlos López-Otín, unha das figuras máis destacadas da ciencia biomédica en España e no mundo. Investigador incansable, divulgador brillante e humanista profundo, López-Otín dedicou a súa vida ao estudo do cancro, o envellecemento e as enfermidades raras, iluminando cos seus traballos e palabras os grandes retos da medicina do século XXI.

Nesta ocasión, ofreceranos unha charla inspiradora onde explicará os seus últimos traballos e reflexionará sobre o presente e, sobre todo, o futuro da biomedicina: os camiños que se abren, os descubrimentos que transforman vidas, e o papel que a ciencia debe xogar nunha sociedade máis xusta, máis saudable e humana. Será un momento próximo, inspirador e cheo de humanidade, onde a ciencia se atopa coas preguntas esenciais da vida.

Posteriormente, abrirase un espazo para o diálogo e a reflexión, no que o profesor Carlos López-Otín conversará co investigador Dr. Ricardo Villa-Bellosta, do CiMUS. Xuntos convidarannos a explorar algúns dos temas que nos afectan a todos: a vida, a ciencia, o tempo e o sentido profundo da nosa existencia.

Dado que o aforo é limitado, será imprescindible realizar unha preinscrición a través da seguinte ligazón. Data límite de inscrición: venres 2 de maio. Unha vez finalizado o prazo, as persoas seleccionadas recibirán un correo de confirmación. A organización resérvase o dereito de admisión.

Finalmente, ás 18:00 h, o profesor Carlos López-Otín ofrecerá unha conferencia moi especial con motivo da presentación do seu último libro, “La levedad de las libélulas”, na Aula Magna Ramón y Cajal da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Tras a charla, haberá unha sinatura de exemplares. Unha cita imprescindible coa ciencia, a literatura e a beleza do que nos fai humanos. Nesta ocasión a entrada será libre ata completar aforo.

Para calquera consulta, solicitude de información adicional ou peticións relacionadas coa prensa, non dubides en contactar coa organización desta xornada escribindo a: ricardo.villa [at] usc.es (ricardo[dot]villa[at]usc[dot]es). Estaremos encantados de axudarche. Nesta ocasión non se expedirán certificados de asistencia.