Ir o contido principal
Divulgación

Aberta xa a inscrición na Carreira Nenos Sen Cancro da Fundación OC

  • Terá lugar o próximo 22 de setembro en Madrid e nela participa o Equipo CiMUS, capitaneado polo investigador Pablo Aguiar

  • A Fundación OC Contra o Cancro e a Universidade de Santiago de Compostela manteñen un acordo de colaboración a través do cal a fundación contribúe a recadar fondos para o proxecto de investigación sobre nano radiofármacos contra o glioblastoma que leva a cabo a universidade

A carreira contra o cancro infantil abre un novo capítulo grazas á Fundación Óscar Contigo, coa organización da segunda edición da carreira solidaria Carreira Nenos Sen Cancro, o próximo 22 de setembro en Valdemorillo, Madrid, destinada a recadar fondos para investigar desta enfermidade.

Este ano, grazas ao acordo de colaboración que mantén coa Fundación OC, o CiMUS da USC ten un importante papel a través do seu Equipo CiMUS, capitaneado por Pablo Aguiar, que correrá para contribuír a esta causa e favorecer o financiamento do seu proxecto de investigación nano-radiofármacos contra o glioblastoma, dirixido polo propio Aguiar e por María José Alonso, e incluído actualmente no programa de micro-mecenado da USC Sumo valor.

Todas as persoas que desexen participar na carreira poden inscribirse nesta ligazón. Tamén poden apoiar esta causa facendo unha doazón ao Equipo CiMUS nesta Glioblastoma, un tumor cerebral letal na seguinte ligazón.

Glioblastoma, un tumor cerebral letal

O glioblastoma é un tipo de tumor cerebral que pode manifestarse a calquera idade, pero dáse maioritariamente en adultos de entre 45 e 70 anos, e que na actualidade non ten cura. O estudo do CiMUS da USC, dirixido por María José Alonso e Pablo Aguiar, céntrase no uso da nanotecnoloxía para o tratamento desta enfermidade, levando radiofármacos até o glioblastoma, mediante unha inxección intravenosa.

Este estudo enmárcase no proxecto "Early molecular nanoDIAGnostics of Brain tumors using ImmunePET (DIAGBI)" da convocatoria de Proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público-privada do Ministerio de Ciencia e Innovación, pero á vez require da participación cidadá para recadar fondos procedentes de doazóns privadas. 

A Universidade recolle estas achegas a través da plataforma da Fundación OC Contra o Cancro, que entre outros eventos, tamén organiza carreiras solidarias para recadar fondos e loitar contra esta enfermidade.

“A firma deste acordo constitúe un paso adiante nos obxectivos da Fundación OC, xa que nos permite ampliar o noso radio de acción e levar a axuda necesaria a persoas afectadas por un tipo de cancro sobre o que existen moi poucas liñas de investigación”, afirma Valérie Joly, presidenta e fundadora da Fundación OC. “Acordos como este anímannos a seguir esforzándonos para concienciar á sociedade sobre a importancia de investir na investigación contra esta enfermidade”.