Ir o contido principal
Científica

Ángel Carracedo, doutor honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid

O reitor da Universidade Complutense de Madrid, Joaquín Goyache, investiu na xornada de hoxe como doutor honoris causa ao investigador do CiMUS da USC Ángel Carracedo polas súas importantes contribucións dentro do campo da medicina. A cerimonia tivo lugar no Paraninfo da Universidade, contando co catedrático Fernando Bandrés como padriño.

Carracedo destaca pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular. Nos últimos anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e medicina xenómica, con contribucións relevantes ao coñecemento da causa xenética das enfermidades.

O investigador do CiMUS é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) e durante o período 1994 - 2012 director do Instituto de Medicina Legal da devandita Universidade; desde 1999 é director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia). Tamén dirixe o Centro Nacional de Genotipado-ISCIII, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e é xefe de grupo do CIBER de Enfermidades Raras (CIBERER).

 

Referente mundial en investigación xenética e medicina personalizada

O Dr. Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 1955), é Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) e desenvolve toda a súa carreira científica en España, conseguindo ser un dos investigadores de maior impacto no mundo no campo da Medicina Forense e da Xenética Clínica, facendo do seu grupo un lugar de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo.

Ángel Carracedo é a figura máis representativa da medicina forense a nivel mundial que excede o ámbito da Xenética forense pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular e preside actualmente a Academia Internacional de Medicina legal.

No últimos quince anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e medicina xenómica, con contribucións relevantes ao coñecemento da causa xenética das enfermidades, tendo promovido, xunto co Profesor Fernando Domínguez a creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe desde entón, o centro de maior volume de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas.

Creou e dirixe o Centro Nacional de Xenotipado, a infraestrutura IMPACT Xenómica, recentemente premiada, para o desenvolvemento da Medicina personalizada en España e, xunto coa Profesora Mabel Loza a infraestrutura Innopharma e Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica.