Ángel Carracedo: "Non hai mellor maneira de fomentar vocacións científicas que xornadas como Ciencia Singular"
Por que o CiMUS debe abrirse á sociedade con actos como este?
A ciencia non pode vivir de costas á sociedade. Para min é dos actos máis bonitos e emocionantes do ano. Ver como científicos novos e ata algún senior do CiMUS lle explican que fan a pais e nenos, e como estes aprenden e gozan uns e outros. É a mellor maneira de pór en valor a ciencia.
Balance de asistencia e interese por parte do público
É impresionante ver como en minutos, cando se abren as inscricións, se completa o aforo e ás veces vén xente que non vive en Santiago. No meu caso, as charlas que dou están cheas de pais que escoitan con tanta atención e entusiasmo que estou seguro que lle van a transmitir aos fillos ese amor pola ciencia que seguro que os nenos indo alí tamén van sentir.
Como perciben a ciencia os máis novos? Como chegamos a eles/as? Como conseguimos espertar vocacións?
Os que veñen xa son entusiastas da ciencia e enténdena ben. Sería moi importante que toda a sociedade e especialmente os rapaces comprendesen a importancia do método científico. Estou seguro que a maioría dos que viñeron queren ser científicos. Non todos porque lle preguntei a un se quería ser científico de maior e díxome que non, que prefería ser Spiderman. Pero non hai mellor maneira de fomentar vocacións que xornadas como esta.
Retos e próximos pasos en investigación en enfermidades raras
Esta vez faleilles de enfermidades raras e a súa problemática. Expliqueilles que son, a importancia de non esquecelas e de non discriminar aos que as padecen polo feito de ser pouco frecuentes. Ademais, xuntas afectan a moita xente. Os retos son conseguir os obxectivos do Consorcio Internacional de Enfermidades Raras (IRDiRC) e pasan por melloran os tempos de diagnóstico e conseguir máis tratamentos para elas.
Ligazón de acceso a súa charla en Ciencia Singular: https://n9.cl/k808o