Ángel Carracedo, Premio 2024 á Traxectoria Internacional no ámbito do Dereito da Saúde
O investigador principal do CiMUS da USC, coordinador do grupo Genomics and Bioinformatics, Ángel Carracedo, recolleu onte o Premio 2024 á Traxectoria Internacional no ámbito do Dereito á Saúde, promovido pola Consellería de Saúde do Goberno de Cantabria, a través do Instituto de investigación 'Marqués de Valdecilla' (IDIVAL).
Para a concesión deste recoñecemento, que ten como vocación distinguir a aquelas figuras de relevancia investigadora internacional, o IDIVAL valorou a achega de Ángel Carracedo ao fomento dunha cultura de investigación en saúde de excelencia e de innovación. Ademais, considerou a achega dos seus traballos e investigacións ao beneficio da saúde mental de todas as persoas, a través dun importante compromiso social como divulgador e dun inxente labor científico e profesional, desde diversos ámbitos de liderado: académicos, directivos, asistenciais e investigadores, "todos eles de gran transcendencia para a saúde global e de prestixio a nivel internacional".
Na súa intervención, Ángel Carracedo agradeceu o premio, destacando que apostou pola "medicina personalizada" e avogou pola prevención para "anticiparse á enfermidade" na que o paciente sexa o "eixo do sistema", e a este respecto, e como exemplo de medicina personalizada resaltou a contribución do Programa Cohorte en Cantabria que xa conta con 40.000 voluntarios.
No acto, xunto ao conselleiro de Saúde, César Pascual, interveu o reitor da UIMP, Carlos Andradas, encargado da súa presentación, e o director de xestión do IDIVAL, Galo Peralta, quen realizou a laudatio do homenaxeado, seguida da conferencia maxistral de Carracedo 'Xenómica e medicina de precisión ante a nova realidade dixital', na que abordou a evolución e novidades do compoñente xenético.