A Asociación Española contra o Cancro presenta os principais datos e retos provinciais no CiMUS da USC
- Preto dun centenar de voluntarios da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña daranse cita neste Centro Singular para a presentación de resultados 2023 e obxectivos para este exercicio e terán a oportunidade de visitar os laboratorios, entre eles algúns dos grupos de investigación apoiados polo financiamento da Asociación no centro
- A Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña escolleu o CiMUS ao ser actualmente o principal centro de investigación en Galicia en atracción de financiamento competitivo en cancro, reforzando así a colaboración e sinerxías cos seus grupos científicos
- Terá lugar mañá xoves 14 de marzo, a partir das 12:30 horas
A Asociación Española Contra Contra o Cancro presentará mañá os resultados da súa actividade en 2023 e os obxectivos e proxectos que afrontará en 2024 na provincia da Coruña no CiMUS da USC. A Asociación escolleu este Centro Singular para reunir ao seu voluntariado na presentación dos seus resultados e o avance de obxectivos para o presente exercicio, así como para levar a cabo o acto de entrega dos seus recoñecementos ao labor voluntario das súas Xuntas Locais. Ademais, os voluntarios terán ocasión de visitar laboratorios do Centro, un dos principais centros de investigación en Galicia en atracción de financiamento competitivo en cancro.
Preto dun centenar de voluntarios provenientes das Xuntas Locais que forman a Asociación na provincia daranse cita neste encontro anual no que participarán o presidente da Xunta Provincial da Asociación na Coruña, Manuel Aguilar, e o presidente da Xunta Local de Santiago de Compostela, Francisco Pais, acompañados pola directora científica do CiMUS, Mabel Loza. Este encontro pretende propiciar espazos de intercambio de información e coñecemento entre as persoas voluntarias, que recadan fondos para financiar a investigación, e as persoas investigadoras, que reciben axudas económicas para continuar o seu traballo en investigación oncolóxica, xerando unha cadea de solidariedade e coñecemento que ten como obxectivo o aumento das taxas de supervivencia á enfermidade e a mellora da calidade de vida dos pacientes e familias.
Loza será a encargada de presentar os adxudicatarios de Axudas AECC á investigación oncolóxica no Centro, previa á visita posterior a algúns dos grupos de investigación apoiados polo financiamento da Asociación a través de axudas á investigación nas categorías de Axuda Proxectos Xerais, Axudas Semente e Axudas Predoctorais.
Máis aló de prover "fondos que os investigadores necesitamos para propor soluciones fronte ao cancro", as Axudas AECC "lémbrannos que imos estar acompañados durante o proceso de investigación, achegando a visión dos pacientes e a positividade da Asociación, sempre coa mirada posta na transferencia", comenta a directora científica do CiMUS.
Máis de 620.000 euros para a investigación contra o cancro
Seis investigadores do CiMUS acaban de recibir un total de 623.740 euros da Asociación Española Contra o Cancro. A axuda máis cuantiosa, cun importe de case 300.000 euros, é a Axuda Proxectos Xerais AECC, adxudicada ao doutor Miguel López, director do grupo NeuroObesidade do CiMUS da USC. Ademais, adxudicáronse dúas Axudas Semente AECC, de 20.000 euros cada unha, sendo a súa destinatarias Aurora Gómez, investigadora principal no MitoPhenomics Lab do CiMUS, e Lara García, investigadora adscrita ao grupo Molecular Imaging Biomarkers and Pharmacokinetic Modelling. A Asociación tamén apoia aos investigadores deste Centro, Emma Ramos, Adrián Aparicio e Alberto Tinahones con Axudas Predoctorais por valor de 100.600 euros para os dous primeiros e de 88.000 euros para o terceiro investigador.
Tal e como se recolle no informe Radiografía sobre o estado da investigación en cancro en Galicia que presentou a finais de ano a Asociación Española Contra o Cancro, o CiMUS é o principal centro de investigación en Galicia en atracción de financiamento competitivo en cancro, obtendo no tres anos analizados 51 proxectos. O Centro Singular apoia ademais a Asociación nas súas actividades, sumándose a iniciativas como "En marcha contra o cancro" ou á exposición "A investigación do cancro. Un desafío milenario", por citar algunhas das máis recentes.