A Asociación Española Contra o Cancro reivindica en Santiago o valor da investigación para cambiar a vida das persoas con cancro
- O CiMUS da USC acolleu un acto con motivo do Día Mundial da Investigación en Cancro no que mozos investigadores apoiados pola Asociación amosaron como a investigación que se desenvolve desde Galicia pode traducirse en novas oportunidades para os pacientes.
- A xornada, conducida pola Dra. Angélica Figueroa, membro do Comité Científico da Xunta Provincial da Asociación na Coruña, contou coa participación do Dr. Ángel Carracedo, recente Premio Nacional de Investigación Gregorio Marañón 2026.
- A Asociación animou ademais a cidadanía a participar este sábado na V andaina solidaria “Santiago de Compostela en Marcha Contra o Cancro”, unha iniciativa destinada a recadar fondos para a investigación e o apoio a pacientes e familiares.

A Asociación Española Contra o Cancro celebrou hoxe no CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela un acto con motivo do Día Mundial da Investigación en Cancro —que se conmemora cada 24 de setembro— para poñer en valor o papel da ciencia na mellora da supervivencia e da calidade de vida das persoas con cancro. Baixo o lema “Proxectos de investigación que impulsan proxectos de vida”, a xornada serviu para coñecer algúns dos proxectos de investigación que se están a desenvolver en Galicia grazas ao apoio da Asociación e que buscan dar resposta a algúns dos principais desafíos da oncoloxía actual.
Durante a apertura do acto, a Dra. Angélica Figueroa, membro do Comité Científico da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, destacou a importancia de seguir impulsando a investigación para “avanzar cara ao reto de superar o 70 % de supervivencia en cancro no ano 2030”. Actualmente, a Asociación mantén activos 38 proxectos e axudas de investigación na provincia da Coruña, cun investimento superior aos 5,3 millóns de euros, o 88 % do financiamento que a entidade destina á investigación oncolóxica en Galicia.

Figueroa lembrou que detrás de cada axuda concedida existe un obxectivo moi concreto: mellorar a vida das persoas. “A investigación sobre o cancro non consiste só en financiar a ciencia; trátase de lograr que a innovación chegue ao paciente e se converta en proxectos de vida”, afirmou. “Ao final, o seu impacto non só se mide nos laboratorios, senón tamén nos momentos de vida que poden producirse grazas a ela. Isto é o que nos move como Asociación e o que dá sentido ao esforzo colectivo detrás de cada euro destinado á investigación”.
A xornada contou ademais coa participación do Dr. Ángel Carracedo, investigador do CiMUS e unha das figuras de referencia internacional en xenética e medicina xenómica, recentemente distinguido co Premio Nacional de Investigación Gregorio Marañón 2026. Durante a súa intervención puxo en valor o papel da ciencia como motor de transformación social, así como a necesidade de seguir apostando polo talento investigador para acelerar a chegada de novos avances aos pacientes.
A investigación que cambia vidas
Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa de diálogo “A investigación que cambia vidas”, moderada por Angélica Figueroa e protagonizada por tres investigadores adxudicatarios de Axudas Predoutorais AECC, un programa destinado a impulsar novas carreiras científicas de excelencia e a apoiar proxectos con potencial impacto clínico.
No transcurso da mesa, Alberto Tinahones, do CiMUS, explicou os avances da súa investigación centrada en abrir novas oportunidades para pacientes con colanxiocarcinoma, un tipo de cancro hepático especialmente agresivo e asociado a unha elevada mortalidade. Emma Ramos, tamén do CiMUS, compartiu o traballo que desenvolve arredor dunha nova estratexia terapéutica para o tratamento de tumores cerebrais, co obxectivo de mellorar o diagnóstico mediante técnicas de imaxe e avanzar cara a tratamentos máis precisos e personalizados.

A mesa completouse coa intervención de María Gloria Alfonsín, do INIBIC, que abordou un dos maiores desafíos da oncoloxía actual: a resistencia aos tratamentos. A súa investigación céntrase no cancro colorrectal, o terceiro tumor con maior incidencia e o segundo en mortalidade a nivel mundial.
Ademais de explicar as súas liñas de investigación, os tres investigadores compartiron que foi o que os motivou a orientar a súa carreira profesional cara a investigación en cancro e reflexionaron sobre o valor que ten para os mozos investigadores contar co respaldo da Asociación para desenvolver proxectos innovadores desde Galicia. Tamén coincidiron en destacar que detrás de cada avance científico existe un compromiso compartido cos pacientes e unha responsabilidade cara as persoas que colaboran coa Asociación e fan posibles os seus proxectos de investigación.
“Detrás destas cifras hai milleiros de persoas que colaboran coa Asociación: socios, voluntarios, empresas e institucións. Grazas a elas podemos seguir apoiando proxectos que buscan novas respostas a un dos maiores retos sanitarios do noso tempo”, lembrou Figueroa durante o encontro.
A V andaina solidaria volverá encher Santiago de apoio á investigación
Durante a clausura do acto, o presidente da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, Xoán Concheiro, animou a cidadanía a participar na quinta edición da andaina solidaria “Santiago de Compostela en Marcha Contra o Cancro”, que se celebrará este sábado 26 de setembro a partir das 10:00 horas na Alameda compostelá. Os fondos recadados destinaranse a seguir impulsando a investigación e a manter os servizos gratuítos de atención, apoio e acompañamento que a Asociación ofrece a pacientes e familiares.
A iniciativa está pensada para persoas de todas as idades e contará cun percorrido accesible de cinco quilómetros con saída e chegada na Alameda. Ademais, a xornada incluirá o espazo “Ciencia para Todos”, un espazo divulgativo no que entidades como o CiMUS, CISPAC, Oncomet, o Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e Diversa Technologies achegarán a investigación a pequenos e maiores de forma participativa e accesible.
As persoas interesadas en participar aínda están a tempo de formalizar a súa inscrición a través da páxina web do evento en Rock The Sport ou de maneira presencial na sede da Asociación en Santiago, no departamento de deportes de El Corte Inglés (ata o 23 de setembro), ou mesmo o propio día da andaina ata media hora antes da saída na Alameda. A cota de inscrición é de 10 euros para adultos e de 5 euros para menores de 12 anos. Ademais, a inscrición inclúe de agasallo a camiseta oficial (garantida ata esgotar existencias) e un dorsal personalizable para poder dedicar a andaina á persoa que cada quen desexe.
“Será unha mañá para compartir e desfrutar en familia ou entre amizades. Cada paso conta na loita contra o cancro, así que convidamos a toda a cidadanía a sumarse e axudarnos a encher de verde as rúas de Santiago”, concluíu Concheiro, quen aproveitou para agradecer a colaboración dos patrocinadores —Vegalsa-Eroski, Solán de Cabras, HM Hospitais e Mástil Rotulación— e de todos os colaboradores que fan posible esta andaina, entre eles o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, o Concello de Santiago, El Corte Inglés, Vimbio Corp, Gesca Hoteis, Eurobanan, Caetano, Quincemil, Radio Galicia Cadena SER, Radio Líder, El Correo Gallego e La Voz de Galicia.
