Avances e retos no manexo da diabetes, a debate no CiMUS da USC con especialistas de obesidade, corazón, inmunoloxía endocrinoloxía e nutrición
Coincidindo coa conmemoración este próximo xoves 14 de novembro do Día Mundial da Diabetes, o CiMUS da USC reunirá a especialistas deste Centro Singular e do IDIS para pór en común os principais desafíos e avances no manexo desta enfermidade. Farao nunha mesa de debate na que contará coa participación dos investigadores Carlos Diéguez, Iria Gómez-Touriño, Miguel Ángel Martínez-Olmos, Ricardo Villa Bellosta e Rubén Nogueiras. Eles serán os encargados de abordar a estreita relación da diabetes coa obesidade, as enfermidades cardiovasculares, a inmunoloxía, a endocrinoloxía e a nutrición.
A inauguración da xornada contará coa participación da subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o director do Departamento de Bioquímica da USC, Jaime Gómez; o director do Departamento de Fisioloxía da USC, Juan Zalvide, e o director adxunto do CiMUS, José Luis Labandeira. A mesa de debate terá lugar o vindeiro 14 de novembro, ás 11:30 horas, no Theatre room do CiMUS.
Unha enfermidade multidisciplinar
A transversalidade da diabetes e o seu carácter multidisciplinar fan que a mesa de debate conte entre os seus membros con especialistas en diferentes áreas. É o caso de Carlos Diéguez, coordinador do grupo CiMUS, Functional Obesomics; Iria Gómez-Touriño, á fronte do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas; Miguel Ángel Martínez-Olmos, coordinador do grupo IDIS Endocrinoloxía Molecular; Ricardo Villa-Bellosta, coordinador do grupo CiMUS Homeostase enerxética e Calcificación Vascular e Rubén Nogueiras, encargado de dirixir o grupo deste Centro Singular, Metabolismo Molecular.
No marco deste debate, Ricardo Villa, aproveitará para presentar os principais resultados dun estudo publicado na revista Cardiovascular Diabetology que podería cambiar o enfoque no tratamento das complicacións cardiovasculares en persoas con diabetes. Un achado que suxire unha potencial vía para previr a calcificación en arterias e outros vasos sanguíneos en persoas con diabetes, un avance con implicacións significativas para a saúde cardiovascular.
España, o segundo país con maior prevalencia de diabetes de Europa
A diabetes mellitus converteuse nunha das enfermidades causantes de máis mortes en todo o mundo. Segundo a Organización Mundial da Saúde, máis de 1,5 millóns de persoas perderon a vida a nivel mundial por mor desta enfermidade e estímase que 463 millóns de persoas sofren algún tipo de diabetes, moitos dos cales son menores de 14 anos. A estes datos hai que sumar todos os casos de diabetes non diagnosticados. Para 2045, as proxeccións indican que esta cifra podería incrementarse ata os 783 millóns de diabéticos en todo o mundo.
En España, a prevalencia da diabetes alcanzou o 14,8%. Afecta a un de cada sete adultos e é a segunda taxa máis alta de Europa. Case un terzo (30,3%) das persoas que viven con diabetes en España non están diagnosticadas. Cando a diabetes non se detecta ou non se trata adecuadamente, pode causar complicacións graves e potencialmente mortais como pode ser un infarto de miocardio, un accidente cerebrovascular, insuficiencia renal, cegueira ou amputación de membros inferiores.
Estas complicacións reducen a calidade de vida e aumentan os custos sanitarios. Atendendo a iso, o noso país sitúase na lista dos dez primeiros países en canto ao gasto sanitario relacionado coa patoloxía. Na actualidade supón o 8,2% do gasto, alcanzando os 8.600 millóns de euros entre custos directos (5.800 millóns de euros) e indirectos (2.800 millóns de euros).