Ir o contido principal
Científica

Chamada do CiMUS á carreira investigadora

  • O centro singular da USC ofrece, durante o próximo mes de xullo, 10 bolsas a estudantes de grao que desexen aproximarse á investigación.

Xa está aberta a VIII edición do Programa de Bolsas de Verán «CiMUS Summer School». Este Centro Singular da USC ofrece 10 bolsas de verán nos seus laboratorios para estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no Campo de Ciencias da Vida.

Unha oportunidade para que os estudantes poidan integrarse nunha contorna de investigación dinámica e competitiva e traballar en temáticas na fronteira do coñecemento.

As bolsas son remuneradas e están dotadas con 750 euros (brutos), máis unha axuda para alumnado non residente en Santiago de Compostela, destinada ao financiamento da súa estancia de investigación no CiMUS durante o próximo mes de xullo.

 

Desenvolvemento dun proxecto de investigación

Para optar a elas, os candidatos deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Química, ou outra titulación relacionada de calquera universidade, cunha nota media igual ou superior a 8 nunha escala de 10.

Durante a súa estancia, os candidatos seleccionados poderán desenvolver un breve proxecto de investigación baixo a supervisión dun investigador ou investigadora principal do centro, enmarcado dentro dos 2 programas de investigación: "Mecanismos Moleculares" que estuda  enfermidades crónicas de alto impacto na sociedade (obesidade e metabolismo, cardiovascular, neurodexenaración e cancro) e "Integrativo Traslacional" sobre novos fármacos e novas estratexias terapéuticas (cribado de fármacos, nanoentrega, medicina xenómica e radioteragnóstica).

Máis información sobre esta convocatoria: https://cimus.usc.gal/es/empleo/becas-de-verano-del-cimus-viii-edicion 

 

Sobre o CiMUS

O Centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02) que acredita a calidade e impacto da súa investigación e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «co financiado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.