Ciencia de portas abertas á sociedade
- O pasado sábado os centros singulares de investigación CiQUS, CiTIUS, CiMUS e IGFAE abriron as súas portas para amosar espazos, proxectos e algúns dos experimentos máis singulares e punteiros, así como conversar con parte do seu persoal investigador
- A quinta edición do evento Ciencia Singular, celebrada en formato híbrido (presencial-online) tivo unha excelente resposta (preto de 400 persoas) por parte do público, especialmente infantil e xuvenil
- O evento, convertido xa nun encontro de referencia en Galicia entre comunidade científica e sociedade, serve para espertar vocacións, aproximar a investigación ó conxunto da poboación e concienciar sobre a importancia do traballo científico para o crecemento social
Os centros singulares de química, física, medicina molecular e tecnoloxías intelixentes abriron as súas portas o pasado sábado para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora. O CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) ofreceron a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científic@ nesta xornada aberta á sociedade na que preto de 400 participantes tiveron ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento integral.
Un encontro con presente e futuro
Segundo o director científico do CiMUS, “o futuro de Ciencia Singular está garantizado porque desde os centros organizadores temos o convencemento de que formamos parte da sociedade e nos debemos a ela. Queremos transmitirvos que moitos dos problemas de saúde que nos preocupan a todos centran o noso traballo. Na actualidade inclúese desde algunhas patoloxías moi prevalentes como enfermidades neurodexenerativas, distintos tipos de cancro, diabetes-obesidade ou enfermidades cardiovasculares. Xunto a estas, traballamos intensamente nalgunhas das patoloxías consideradas “raras”. “En resumo, segundo apunta a subdirectora do CiMUS, Mabel Loza, “queremos transmitirvos o noso esforzo para coñecer mellor os mecanismos responsables da enfermidade, para obter mellores biomarcadores que permitan diagnósticos máis precisos e rápidos e, evidentemente, mellorar o seu tratamento”.
Obradoiros de ciencia e divulgación a pé de laboratorio
O programa do CiMUS ofreceu charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; puidemos saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez respondeu á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e os asistentes souberon por que durmimos, da man de Olga Barca.
Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH da lombarda foi posible grazas ós obradoiros de Ciencia Divertida do CiMUS. Para os máis maiores houbo obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas “Dr. Jeckyll & Mr. Hyde” ou autopistas da vida do sistema vascular; e tamén ocasión para cargar mostras en xeles de agarosa ou de lévados. O centro abriu ademais as portas da plataforma Innopharma dedicada ó descubrimento temperán de fármacos; ademais de poñer a funcionar o obradoiro CiMUS Podcast, con entrevistas en directo a grandes e pequenos, e contar cun tour virtual para amosar as súas instalacións.
![]() | ![]() |
![]() | ![]() |




