A ciencia do CiMUS sobre o funcionamento dos virus na G-Night «A noite galega das persoas investigadoras»
Mañá venres 27 de setembro, de 18:00 a 21:00 horas, o CiMUS estará no claustro do Colexio de Fonseca de Santiago na «Noite Galega das Persoas Investigadoras» para levar a rúa parte da investigación que se fai neste Centro Singular da USC. Farao de man do seu investigador principal, José A. Costoya, quen a súa vez é coordinador desta xornada en Santiago, e do seu equipo do Laboratorio de Oncoloxía Molecular co taller 'Isto de lavarse ou como loitar contra o invisible'.
"Unha forma sinxela de protexernos fronte aos microorganismos é o correcto lavado de mans. Neste taller elaboraremos un modelo de virus empregando material de cociña e veremos como o xabón afecta a súa estrutura", explica José Costoya.
Divulgación
A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en preto de 400 cidades europeas desde 2005. Nela os investigadores ocupan un lugar central, mostrando a diversidade da ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto na vida dos cidadáns. Por cuarto ano consecutivo, o CiMUS participará nesta xornada realizada en Santiago de Compostela cun taller científico sobre o funcionamento dos virus para todos os públicos.