Ir o contido principal
Institucional Transferencia

"Ciencia Viva" contra o cancro no programa do CiMUS da USC e a Asociación Española Contra o Cancro coincidindo co Día da Muller e a Nena na Ciencia

  • En colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro de Santiago, o centro de investigación da USC organiza un ciclo de talleres divulgativos para espertar vocacións científicas entre máis dun centenar de mozos
  • Alimentación saudable, extracción de ADN, coñecemento da célula e as moléculas e os compoñentes do sangue, saúde cardíaca, temperatura corporal, autismo e xénero, ilusións ou prevención do cancro de pulmón ou pel centrarán os talleres do programa
  • Terán lugar os próximos 7 e 8 de febreiro no hall do CiMUS (Avenida de Barcelona, S/N, Santiago) de 10 a 13 horas

 

O CiMUS da USC celebra un ano máis o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión, faino colaborando coa Asociación Española Contra o Cancro de Santiago de Compostela nun ciclo de talleres divulgativos orientados a espertar vocacións científicas entre máis dun centenar de mozos, alumnado de Primaria de entre 7 e 11 anos. "Living Science" (Ciencia Viva) é a lema elixido para achegar a ciencia a través de sesións sobre prevención do cancro de pulmón ou de pel, alimentación e hábitos de vida saudable, extracción de ADN, coñecemento sobre a célula, moléculas ou compoñentes do sangue, saúde cardiovascular, temperatura corporal ou autismo e xénero. O programa completarase, ademais, con xogos de memoria e coñecemento de famosas mulleres que marcaron o coñecemento científico ao longo da historia a través dos seus inventos e descubrimentos.
 

Coñecer a ciencia facendo ciencia
Este é o obxectivo do CiMUS da USC co ciclo de talleres que expón este ano en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro. As sesións de traballo buscan achegar o coñecemento científico, teórico e práctico, ao alumnado máis novo para espertar o seu interese pola carreira científica profesional. O programa previsto para os próximos mércores e xoves, 7 e 8 de febreiro, de 10 a 13 horas, inclúe os seguintes:


Taller de cartas científicas: Xogo de memoria e coñecemento de mulleres científicas famosas que viviron ao longo da historia e que cambiaron as nosas vidas cos seus inventos, para emparellar a cada unha delas co seu descubrimento.

Taller de extracción de ADN: Utilizando ingredientes que se atopan en calquera cociña das nosas casas, extraeremos o ADN dunha froita (fresas). O ADN é unha molécula do interior das células que contén a información hereditaria responsable do desenvolvemento e funcionamento dos seres vivos e que se transmite dunha xeración á seguinte.

Taller de nutrición: Xoga coa pirámide alimentaria e descobre cales son as proporcións que o noso corpo necesita para manter unha dieta sa, equilibrada e balanceada. Pescuda ademais canto azucre hai nas bebidas e refrescos que nos tomamos diariamente e os seus efectos.

Taller de microscopía: Coñece os compoñentes do sangue a través do microscopio: glóbulos vermellos, glóbulos brancos e plaquetas.

Taller de plaquetas: As plaquetas: amigas ou inimigas? Descobre como as plaquetas nos protexen fronte ao sangrado ante unha ferida, pero tamén poden formar trombos nas nosas veas e arterias provocando enfermidades graves. Simularemos o que ocorre nas túas veas/arterias cando hai unha lesión vascular.

Taller de corazón: Coñece a estrutura do corazón e como funciona. Veremos os problemas máis frecuentes e a mellor forma de coidalo, ademais que alimentos son máis beneficiosos para o corazón.

Taller de prevención do cancro: Descobre os efectos do tabaquismo e os vapeadores (cigarros electrónicos) nos pulmóns. Descobre os efectos do sol a longo prazo na pel e a importancia da protección solar.

Taller de temperatura: Pescuda como de quente está o teu corpo ou como podemos medir a temperatura corporal sen usar un termómetro. Deixa que che saquen unha foto especial cunha cámara termográfica. Explicarémosche a utilidade destas imaxes infravermellas no estudo da graxa parda e a obesidade.

Taller de ilusións: As ilusións: maxia ou ciencia? Práctica visual e táctil de como nos engana o cerebro (maquetas e partes do cerebro), sobre ilusións ópticas, térmicas e sensoriais.

Taller de autismo e xénero: Descobre como as mulleres viven o autismo no seu día a día e como se adaptan no seu colexio, coas súas amizades, profesorado, na súa casa, etc.