CiMUS INNOVA e protonterapia, apostas do CiMUS da USC pola innovación e a transferencia de proxectos terapéuticos en fases temperás
- Así se puxo en valor no V Encontro Investir en Ciencia Sí é Rentable, organizado por Unirisco e Xesgalicia, que reuniu a investigadores, emprendedores e investidores para detectar oportunidades industriais no traballo dos centros de investigación galegos.
- O programa CiMUS Innova ten como obxectivo identificar e analizar proxectos de investigación con potencial terapéutico para orientalos cara á colaboración coa industria ou á creación de novas iniciativas empresariais.
- A investigación en protonterapia que lidera desde o CiMUS Yolanda Prezado destaca polo potencial do seu grupo para catalizar unha oportunidade estratéxica a nivel autonómico e nacional que sitúe a España á vangarda da investigación en radioterapia, protonterapia e radiobioloxía.
O CiMUS da USC participou hoxe no IV Encontro Investir en Ciencia Sí é Rentable, organizado por Unirisco e Xesgalicia, con dúas intervencións que reflicten as súas principais apostas estratéxicas no ámbito da innovación biomédica: o programa CiMUS INNOVA, orientado a impulsar a transferencia de proxectos terapéuticos en fases temperás, e a investigación en protonterapia, unha liña de investigación punteira con grande proxección clínica e industrial.
O encontro reuniu a investigadores, emprendedores e investidores co obxectivo de identificar oportunidades industriais e empresariais baseadas no coñecemento xerado nos centros de investigación galegos, así como de reforzar a conexión entre ciencia, innovación e tecido empresarial.
CiMUS INNOVA: impulso á transferencia de proxectos terapéuticos

Durante a xornada presentouse o programa CiMUS INNOVA, unha iniciativa deseñada para identificar e analizar proxectos de investigación con potencial terapéutico desenvolvidos no CiMUS, e orientalos cara á súa valorización, colaboración coa industria ou á creación de novas iniciativas empresariais.
O programa naceu do convenio bidireccional entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Kaertor, especializada en valorización e transferencia inversa, e ten como obxectivo acompañar os equipos investigadores no posicionamento dos seus proxectos para etapas posteriores de desenvolvemento, facilitando a súa transición desde a investigación temperá a contornos industriais e de mercado.
Na súa primeira convocatoria, CiMUS INNOVA implicou a 17 grupos de investigación do Centro, con un total de 23 proxectos centrados no descubrimento e desenvolvemento de novas aproximacións terapéuticas, incluíndo validación de dianas terapéuticas, sistemas de administración de fármacos, reposicionamento de fármacos e biomarcadores.
CiMUS INNOVA enmárcase na estratexia do Centro para reforzar o seu compromiso coa investigación de excelencia, a innovación e a transferencia de coñecemento, unha estratexia que conta co apoio de fondos FEDER, da Xunta de Galicia e da Axencia Estatal de Investigación, a través das acreditacións da Rede CIGUS e María de Maeztu.
Protonterapia: unha liña estratéxica con proxección internacional

A xornada abordou tamén unha das liñas de investigación con maior proxección estratéxica do CiMUS: a protonterapia, liderada desde hai dous anos pola investigadora Yolanda Prezado desde este Centro Singular. Esta liña reforza a aposta do CiMUS por impulsar investigación biomédica de vangarda con capacidade de xerar impacto clínico e industrial.
Neste marco, analizáronse as oportunidades asociadas ao futuro Centro de Protonterapia de Galicia, cuxo inicio de actividade está previsto para finais de 2026 e que se converterá no primeiro do sistema sanitario público nacional en ofrecer este tratamento de radioterapia de alta precisión. A súa proximidade ao CiMUS e ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) permitirá consolidar un contorno único para a colaboración entre investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e aplicación clínica.
Neste contexto, destacou o potencial do grupo para catalizar a creación dunha oportunidade estratéxica a nivel autonómico e nacional, capaz de situar a España á vangarda da investigación en radioterapia, protonterapia e radiobioloxía, con capacidade de atracción de talento, colaboración internacional e desenvolvemento industrial.
