Ir o contido principal
Científica

A convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde recoñece catro proxectos nos que participa a USC

  • Dous deles CiMUS, centrados en esclerose lateral amiotrófica e aterosclerose

Un total de catro proxectos nos que intervén a USC, un deles como institución coordinadora, acaban de ser seleccionados no marco da sexta edición da convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde, promovida pola Fundación ‘la Caixa’. A convocatoria que este ano recibiu un total de 493 propostas, das cales só reciben financiamento 33, ten por obxecto impulsar a investigación biomédica de excelencia con grande impacto social en investigación básica, clínica e traslacional.

 

Esclerose lateral amiotrófica
Ao abeiro desta convocatoria, seleccionáronse dous proxectos CiMUS. A investigadora Aurora Gómez Durán, deste Centro Singular, participa nun deles. Trátase da investigación liderada polo Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salas (CIB-CSIC) que quere descifrar o papel das alteracións do metabolismo celular no desenvolvemento da esclerose lateral amiotrófica (ELA).

Estudos previos levados a cabo polo equipo do proxecto demostraron que as alteracións metabólicas nas neuronas motoras de pacientes con ELA, dende os estadios presintomáticos ata a aparición dos primeiros síntomas da enfermidade, ocorren no citoplasma da célula, nunha rexión denominada retículo endoplasmático, que realiza diferentes funcións celulares, e en concreto nas membranas do retículo endoplasmático asociadas ás mitocondrias. De feito, a regulación do metabolismo das graxas ten lugar nesas membranas do retículo endoplasmático. No presente proxecto, os e as investigadoras analizarán e monitorizarán esas alteracións metabólicas que se producen nas membranas do retículo endoplasmático, tanto en modelos animais como en células humanas e en mostras de sangue procedentes de pacientes con ELA. “O obxectivo é dilucidar que papel desempeñan esas alteracións do funcionamento das membranas do retículo endoplasmático na aparición da enfermidade”, explican dende o equipo investigador. O coñecemento xerado abrirá a posibilidade de achar novas dianas terapéuticas potenciais.

 

Aterosclerose
Pola súa parte, a profesora da USC Mabel Loza, directora científica do CiMUS, participa, a través da Fundación Kaertor, nun proxecto do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) que traballa nunha molécula producida pola microbiota intestinal que permita a detección precoz e o tratamento da aterosclerose, ou o que é o mesmo, a acumulación de graxas, colesterol e outras sustancias que levan á inflamación da parede vascular das arterias.

Na actualidade pódese detectar o desenvolvemento da aterosclerose de forma temperá usando técnicas de imaxe avanzada; con todo, estas técnicas teñen un custo elevado e resulta complicado implementarlas a grande escala nos hospitais. En estudos previos nun modelo animal, o grupo identificou que unha molécula producida por bacterias da microbiota intestinal é un biomarcador temperán da aterosclerose e que bloquear a interacción co seu receptor celular prevén a progresión da enfermidade. Neste proxecto, os e as investigadoras profundarán “no posible uso da identificación da concentración desta molécula en plasma como biomarcador para identificar as primeiras fases da aterosclerose e tamén para predicir futuros eventos cardiovasculares de modo máis sinxelo que coas complexas técnicas de imaxe avanzada”. Así mesmo, indagarán nos mecanismos polos que este composto contribúe á progresión da enfermidade. O coñecemento xerado podería facer posible achar novas dianas para tratar a aterosclerose.

 

Tres anos
A convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2023 está dotada cun total de 25,3 millóns de euros e os proxectos desenvolveranse durante os próximos tres anos. As axudas supoñen un apoio económico de ata 500.000 euros para proxectos presentados por unha única organización de investigación e de ata un millón de euros para proxectos presentados por consorcios de entre dúas e cinco organizacións de investigación. A convocatoria tamén está apoiada pola Fundación Luzón, que subvenciona, xunto coa Fundación ‘la Caixa’ o proxecto sobre a esclerose lateral amiotrófica (ELA).