Ir o contido principal
Científica

David Araújo-Vilar, reelexido presidente do Consorcio Europeo de Lipodistrofias

O investigador do CiMUS da USC, David Araújo-Vilar, acaba de ser reelixido presidente, por segundo mandato consecutivo, do Consorcio Europeo de Lipodistrofias (ECLip). Trátase dunha rede de excelencia de investigación clínica e básica en lipodistrofias raras que reúne a 57 grupos de 27 países de todo o mundo.

A súa relección tivo lugar no marco da Asemblea Xeral do Consorcio, celebrada a pasada semana en Pisa, na que se abordou a renovación da súa Xunta Directiva, ademais da celebración do seu IX simposio. 

 

David Araújo-Vilar

David Araújo-Vilar é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1985, na que se doutora cinco anos máis tarde. Posteriormente realiza estudos posdoutorais na Universidade de Oxford, no Radcliffe Infirmary (1989-1991). De 1992 a 1996 inicia a súa carreira docente no Departamento de Medicina da USC e dende 1998 é profesor titular de Medicina, con praza vinculada ao CHUS dende 2006 como especialista en Endocrinoloxía e Nutrición.

En 2003 Araújo-Vilar creou xunto co profesor Lado-Abeal a Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (UETeM), que dirixe no CiMUS, coa intención de profundar na investigación das lipodistrofias infrecuentes e outras síndromes de resistencia grave á insulina, tanto nos seus aspectos clínicos como nas súas bases moleculares. 

É autor de máis de 50 traballos científicos, a maioría no eido das lipodistrofias. Ademais é presidente-fundador da Asociación Española de Lipodistrofias e membro do Comité de Expertos da Federación Española de Enfermidades Raras. En 2014 foi un dos fundadores do European Consortium of Lipodystrophies (ECLip) en Bolonia. No eido asociativo, enfocado á axuda das necesidades dos doentes, é membro da Xunta Directiva da Asociación de Familiares e Afectados de Lipodistrofias (AELIP).