Descobren desde o CiMUS da USC e o LTRI da Universidade de Toronto novos beneficios dos fármacos baseados en GLP-1, agora tamén fronte ás enfermidades hepáticas

Os fármacos baseados en GLP-1 revolucionaron o tratamento de enfermidades metabólicas como a diabetes e a obesidade, e nos últimos anos demostraron beneficios que van moito máis alá. Agora, un estudo levado a cabo en colaboración entre o LTRI da Universidade de Toronto e o CiMUS da USC, cofinanciado con fondos europeos e publicado en Cell Metabolism, demostra que a semaglutida exerce efectos directos sobre o fígado, independentemente da perda de peso, o que axuda a explicar a súa eficacia fronte á enfermidade hepática metabólica.
Concretamente, esta investigación demostra que o receptor de GLP-1, a diana terapéutica da semaglutida, atópase nun tipo moi específico de células endoteliais do fígado que actúan como coordinadoras do funcionamento hepático. Cando a semaglutida activa este receptor, desencadéase unha rede de sinais que reduce a inflamación, diminúe a fibrose e favorece a recuperación do tecido hepático.
Este achado supón un cambio relevante na comprensión de como actúan os fármacos baseados en GLP-1. Segundo a autora principal do estudo, María Jesús González Rellán: “identificar estes mecanismos directos axúdanos a entender mellor a súa eficacia e abre a porta a desenvolver terapias máis específicas e a identificar que pacientes poden beneficiarse máis destes tratamentos”.
O 30% da poboación mundial afectada
A enfermidade hepática metabólica afecta a arredor do 30% da poboación mundial e, ata hai pouco, non contaba con tratamentos eficaces. Dado que esta patoloxía está estreitamente asociada á obesidade e á diabetes, ata agora asumíase que a melloría observada cos fármacos baseados en GLP-1 era consecuencia indirecta da perda de peso. Porén, ensaios clínicos recentes mostraron resultados inesperados: algúns pacientes melloraban mesmo antes de adelgazar ou sen facelo de maneira significativa, o que suxería a existencia de mecanismos adicionais.

Neste contexto, un estudo liderado pola investigadora María Jesús González Rellán, beneficiaria dunha Marie Skłodowska-Curie Global Fellowship entre o CiMUS da USC e o Lunenfeld-Tanenbaum Research Institute (Toronto, Canadá), e desenvolvido no grupo de Daniel Drucker, identificou un deses mecanismos. O traballo contou ademais coa participación das investigadoras Cristina Riobello e Marta Varela Rey, do grupo Liver Metabolism and Disorders Laboratory (LIMED) do CiMUS.
“Durante anos asumíuse que a melloría hepática con estes fármacos era consecuencia da perda de peso. Os nosos resultados mostran que a semaglutida tamén actúa directamente sobre o fígado, activando células que coordinan a resposta fronte á inflamación e á fibrose”, explica González Rellán.
“Este estudo reforza, por tanto, a idea de que a semaglutida non só axuda a perder peso, senón que exerce unha acción protectora directa sobre o fígado, o que consolida o seu papel como ferramenta clave fronte a enfermidades metabólicas complexas”, conclúe.
Relevancia para Galicia
O traballo presenta ademais un contexto especialmente relevante para Galicia. A investigación levouse a cabo no laboratorio de Daniel Drucker, recentemente distinguido co Premio Princesa de Asturias e o Premio Fronteiras do Coñecemento polo descubrimento e desenvolvemento das terapias baseadas en GLP-1, e conta cunha participación destacada de persoal investigador vinculado ao CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, o que reforza a contribución da USC a un ámbito de grande impacto clínico e social.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Tamén foi acreditado a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
Artigo:
Maria J. Gonzalez-Rellan, Cristina Riobello, Susanna Fang, Eloisa Martins da Silva, Jacqueline A. Koehler, Rui Shang, Rola Hammoud, Xiemin Cao, Marta Varela-Rey, Daniel J. Drucker. The weight-loss-independent hepatoprotective benefits of semaglutide are orchestrated by intrahepatic sinusoidal endothelial GLP-1 receptors. Cell Metabolism, 2026, ISSN 1550-4131, https://doi.org/10.1016/j.cmet.2026.03.011.
