Describen desde o CiMUS novas actividades bioquímicas que contribúen á correcta separación dos cromosomas durante a división celular
- Identifícanse novas propiedades dun tipo de proteínas que eliminan as última conexións entre os cromosomas e que aseguran a súa adecuada distribución entre as células fillas
- O achado do grupo DNA Repair and Genome Integrity do CiMUS da USC foi publicado na prestixiosa revista científica Nucleic Acids Research
Comprender como os nosos sistemas de reparación do ADN, encargados de protexelo fronte a lesións e posibles mutacións se amoldan ás distintas etapas da vida dunha célula é un dos obxectivos centrais do grupo DNA Repair and Genome Integrity do CiMUS, liderado por Miguel González Branco e profesor do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC. Agora, un novo traballo publicado na revista Nucleic Acids Research, profunda no mecanismo de actuación dun tipo de proteínas que funcionan como tesoiras moleculares que separan moléculas de ADN entrelazadas permanentemente.
Recombinación homóloga e "restauración" celular
"As nosas moléculas de ADN son obxecto constante de lesións químicas e físicas que comprometen a súa información xenética, polo que as nosas células dispoñen de toda unha batería de mecanismos de reparación que evitan que ditas lesións se convertan en mutacións estables e transmisibles", explica Miguel González. En concreto, a recombinación homóloga (HR) é un complexo mecanismo de reparación especializado en reconectar aquelas moléculas de ADN que sufriron a rotura das súas cadeas, unha das formas de dano ao ADN máis perigosas. Por iso, a HR cumpre unha función esencial no mantemento da estabilidade xenómica e está presente en todos os seres vivos, desde bacterias ata o ser humano.
Para realizar a súa función e restablecer a información xenética perdida nestas roturas, a HR aprovéitase da presenza nas células de moléculas intactas de ADN coa mesma información (ou case) "como unha cromátida irmá ou un cromosoma homólogo-. Así, a maquinaria da HR dispara unha serie de piruetas moleculares mediante as cales a molécula de ADN danada é capaz de buscar a súa compañeira intacta, separar as súas hebras e usalas como molde para recuperar a información xenética perdida. No entanto, esta estratexia non está libre de riscos, xa que ás veces leva a formación de estruturas de catro cadeas coñecidas como unións de Holliday que conectan establemente as moléculas de ADN recombinantes e que, de non ser separadas de novo adecuadamente, suporían un obstáculo para a separación dos cromosomas durante a división celular.
Para asegurarse de que todas estas conexións son eliminadas, os organismos contan cun tipo de encimas, as resolvasas, especializadas en eliminar estas unións de Holliday cando son especialmente persistentes. En función do seu modo de acción bioquímica, estas resolvasas catalogáronse como "canónicas" ou "non canónicas", dependendo de se as moléculas de ADN son máis ou menos simples de reparar tras a súa acción.
Achega con marca CiMUS
O investigador principal do CiMUS atópase entre os científicos pioneiros na identificación das primeiras resolvasas canónicas coñecidas en células de fermento (Yen1) e humanas (GEN1). Desde entón, o grupo avanzou moito tanto no coñecemento das súas funcións desde o punto de vista xenético e, no caso da proteína humana, tamén bioquímico. Con todo, Yen1 foi extremadamente difícil de manipular no tubo de ensaio, polo que o seu mecanismo de acción bioquímico nunca foi esclarecido.
Neste artigo, froito do traballo de máis de seis anos e liderado polos estudantes de doutoramento Raquel Carreira e Francisco Javier Augado, "describimos a primeira caracterización bioquímica de Yen1, establecendo un estudo comparativo tanto coa resolvasa humana como entre dous estados de alta actividade e baixa actividade da propia Yen1 (Yen1 é unha encima cunha regulación ao longo do ciclo celular tremendamente estrita, que impide que poida acceder ao DNA ata as fases finais do ciclo)", asegura González Branco.
Os resultados permitiron identificar novas actividades bioquímicas nesta encima que lle permiten cortar as moléculas de ADN de formas alternativas ás antes descritas para outros membros desta familia de nucleasas; e que poderían ser perniciosas para a célula se actúan cando non é debido. Ademais, o estudo revelou que algúns destes modos alternativos de procesamiento tamén son detectables na proteína humana GEN1, aínda que non foran identificados previamente. En conxunto, o traballo achega novos datos sobre as características bioquímicas desta familia de nucleasas presente en todos os eucariotas así como novas hipóteses para entender o porqué da súa estrita regulación ao longo do ciclo celular.
Referencia bibliográfica
Canonical and novel non-canonical activities of the Holliday junction resolvase Yen1. Carreira R, Aguado FJ, Hurtado-Nieves V, Blanco MG. Nucleic Acids Res. 2021 Dec 20:gkab1225. doi: 10.1093/nar/gkab1225. Online ahead of print. PMID: 34928393

