Descuberto o dobre beneficio biolóxico da protonterapia con minifeixes frente ao glioblastoma: combate o tumor e protexe o cerebro san
- O grupo do CiMUS da USC que dirixe Yolanda Prezado demostra que a radioterapia con minifeixes de protóns induce cambios metabólicos no glioblastoma potencialmente asociados a unha maior radiosensibilidade, ao tempo que preserva mecanismos relacionados coa función neuronal no cerebro san.
- Estes resultados en modelos preclínicos de glioblastoma consolidan o camiño desta innovadora técnica cara a fase clínica.
- O achado acaba de publicarse na revista máis importante do ámbito da radioterapia oncolóxica.

O glioblastoma é un tumor que se orixina no cerebro, de rápido crecemento e grande agresividade, que afecta sobre todo ás persoas maiores. É o máis común dos tumores cerebrais e, na actualidade, conta con opcións terapéuticas limitadas. Persoal investigador do CiMUS da USC, dirixido por Yolanda Prezado, acaba de descubrir que a irradiación mediante radioterapia con minifeixes de protóns —pMBRT— (protonterapia) fai máis vulnerable o tumor ao mesmo tempo que protexe mecanismos esenciais do cerebro san; dá así resposta a un dos grandes retos da radioterapia: atacar o glioblastoma sen danar a parte non afectada do cerebro.
O estudo, que acaba de publicarse na principal revista científica do ámbito da radioterapia oncolóxica, demostra que a protonterapia con minifeixes non é só outra forma de distribuír a dose, senón que desencadea respostas biolóxicas diferentes no tumor e no tecido cerebral san. «No tumor —explica a investigadora Oportunius da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Yolanda Prezado— observamos cambios metabólicos asociados a unha potencial maior sensibilidade á radiación. Ao mesmo tempo, no cerebro san, a pMBRT preserva proteínas relacionadas coas conexións e coa función neuronal que poden verse afectadas tras unha irradiación convencional».
Avances cara a estudos en pacientes
O resultado —engade a investigadora principal do CiMUS da USC— «é especialmente prometedor: unha mesma estratexia de irradiación parece inducir no tumor cambios compatibles cunha maior vulnerabilidade á radiación, mentres preserva mecanismos esenciais do cerebro non afectado. Comprender esta dobre resposta achéganos a explicar por que a pMBRT mostrou resultados tan prometedores en modelos preclínicos de glioblastoma e reforza o seu potencial para avanzar cara a fase clínica».
Ademais, recentemente tratáronse en Estados Unidos os primeiros pacientes mediante MBRT con raios X de baixa enerxía, proporcionando unha primeira proba de viabilidade clínica deste concepto de irradiación espacialmente fraccionada. A pMBRT traslada agora este principio ao uso de protóns, co potencial de combinar as vantaxes dosimétricas da protonterapia cos efectos biolóxicos asociados á irradiación con minifeixes.
Estudos previos en roedores informaron de efectos neuroprotectores a longo prazo tras a irradiación cerebral. Para investigar os mecanismos radiobiolóxicos subxacentes da pMBRT, o equipo do CiMUS realizou un perfil proteómico non dirixido que compara a pMBRT coa terapia de protóns convencional (TPC) nun modelo ortotópico de GB en ratas.
A radioterapia con minifeixes de protóns, unha modalidade espacialmente fraccionada, demostrou ser esperanzadora en modelos preclínicos e en aplicacións clínicas temperás ao mitigar a toxicidade no tecido normal e, ao mesmo tempo, mellorar o control tumoral.
En conxunto, estes achados poñen de manifesto a dobre capacidade da pMBRT para sensibilizar os tumores á radiación á vez que preserva o tecido cerebral, o que apoia o seu potencial traslacional para o tratamento do glioblastoma.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes. A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
