A directora científica do CiMUS da USC, Mabel Loza, recoñecida como Galega do Ano por El Correo Gallego

A directora científica do CiMUS da USC, Mabel Loza, vén de ser recoñecida como Galega do Ano polo xornal El Correo Gallego na categoría de Ciencia e Investigación; un galardón que recollerá o vindeiro xoves 27 de novembro nunha gala que se celebrará na Cidade da Cultura, en Santiago.
Na acta que recolle o resultado da votación final, o xurado dos Premios Galegos do Ano 2025 salienta «a súa brillante achega ao progreso científico como unha das principais impulsoras da biotecnoloxía en Galicia e referente inspirador para as futuras xeracións de investigadores galegos».
Baixo a súa dirección, o CiMUS da USC acadou en 2025 un «fito clave»: ser distinguido coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, polo seu impacto científico e liderado internacional. Un logro que a catedrática de Farmacoloxía suma ao seu labor á fronte do grupo de investigación BioFarma, cunha fecunda traxectoria no descubrimento temperán de fármacos.
