Ir o contido principal
Institucional

A directora de GAIN visita o CiMUS e destaca a boa saúde do ecosistema galego de I+D+i

  • Unha delegación internacional de seis países que participan no Galicia Biobusiness Tour coñece as capacidades de innovación e investigación do sector biotecnolóxico autonómico

Unha delegación internacional de seis países que participan no Galicia Biobusiness Tour, promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), visitou o CiMUS da USC para coñecer o potencial do ecosistema galego de I+D+i. A directora de GAIN, Carmen Cotelo, animou aos representantes do sector biotecnolóxico desta delegación científica que chega de Italia, Bélxica, Portugal, Canadá, Xapón e Reino Unido, a aproveitar a ocasión para crear vínculos que frutifiquen en proxectos de investigación, divulgación e atracción de talento conxuntos.

Cotelo puxo de relevo as capacidades de investigación e innovación do ecosistema galego de I+D+i, servindo de exemplo a Fundación Pública de Medicina Xenómica e a Plataforma Innopharma da Universidade de Santiago, que tiveron a oportunidade de coñecer in situ. A directora de GAIN destacou tamén a relevancia no ámbito científico de figuras como Mabel Louza e Ángel Carracedo, anfitrións da visita.
 

 

Innopharma, plataforma de referencia en Europa 

Neste sentido, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través de Gain, apoiou con 5 millóns de euros, procedentes de fondos europeos REACT-UE dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, a adquisición e actualización do equipamento científico-tecnolóxico e a contratación de persoal da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada polos investigadores da USC Mabel Loza e Ángel Carracedo.

Esta plataforma está recoñecida como unha das oito Plataformas de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC EU-Openscreen) e dispón dunha das quimiotecas máis importantes de España e Europa.

A Xunta de Galicia apoia tamén a actividade da Fundación Pública de Medicina Xenómica a través dun contrato-programa que achega financiamento para os gastos estruturais da fundación de investigación biomédica.