Ir o contido principal
Científica

Dra. Sara Cordeiro: "Estou interesada en novas metodoloxías de fabricación de sistemas de liberación controlada de fármacos, como a impresión 3D e a microfluidica, para resolver desafíos globais da medicina"

                                                                                                                                   Carreiras científicas de egresados do CiMUS

É a aposta da que foi investigadora predoutoral CiMUS no laboratorio de María José Alonso, Sara Cordeiro, quen actualmente coordina o seu propio grupo no Leicester School of Pharmacy (De Montfort University), centrado en mellorar e facilitar a vida dos pacientes a través do desenvolvemento de sistemas de liberación de fármacos e vacinas que sexan fáciles de fabricar e escalar, altamente eficientes e administrados por vías non invasivas. Este centro da USC foi a súa porta de acceso a este campo en torno ao cal xira a súa traxectoria profesional na que considera fundamental non perder nunca a curiosidade e a resiliencia para poder seguir avanzando na carreira científica.

 

 

En que se centra o teu traballo actual (e recente) en UK (De Montfort University e QUB)?

Despois de terminar a miña tese doutoral na USC, trasladeime a Queen´s University Belfast (QUB) en novembro de 2017 como investigadora postdoutoral, para traballar baixo a supervisión do Profesor Ryan Donnelly nun proxecto centrado no uso de microagullas no tratamento dunha forma moi común de cancro de pel, o carcinoma basocelular. Neste proxecto, enfocámonos en incorporar nanopartículas de ouro nos parches de microagullas, para que, ao irradialos cun láser en concreto, as partículas absorbesen esa luz (e a súa enerxía) e a transformasen en calor, levando á morte das células tumorais. Ademais, alí en QUB tamén tiven a oportunidade de participar noutros proxectos relacionados co uso de microagullas para a liberación transdérmica de fármacos.

Desde xaneiro de 2021, establecín o meu propio grupo de investigación na Leicester School of Pharmacy (De Montfort University), onde son Senior Lecturer in Pharmaceutical Sciences. Aquí o noso grupo (3Ds - Drug Delivery and Diagnostics) céntrase en mellorar e facilitar a vida dos pacientes a través do desenvolvemento de sistemas de liberación de fármacos e vacinas que sexan fáciles de fabricar e escalar, altamente eficientes e administrados por vías non invasivas. Estou interesada en aplicacións da nanotecnoloxía para resolver desafíos globais da medicina, así como en novas metodoloxías de fabricación de sistemas de liberación controlada de fármacos, como a impresión 3D e a microfluidica.

 

Que che aportou o teu paso (e ampla parada) polo CiMUS, a túa formación na USC e traballar á beira de figuras de referencia como María José Alonso?

Desenvolver a tese doutoral na USC e baixo a supervisión da Prof. María José Alonso foi unha etapa absolutamente transformadora na miña vida. Seis anos inesquecibles! Non é o máis típico nunha tese doutoral, pero foi a miña experiencia e consecuencia de como se foron dando as circunstancias. Aprendín moitísimo non só sobre as ciencias farmacéuticas en particular, pero tamén sobre min mesma, o mundo académico e o futuro que quería desenvolver para a miña carreira. María José é unha persoa cunha carreira absolutamente impresionante, e un impacto no campo da liberación controlada de fármacos que é innegable e admirable.

Traballar baixo a súa supervisión abriume a porta a unha comunidade mundial de investigadores que aínda hoxe manteño, sobre todo a través da Controlled Release Society, e iso marcou a miña carreira de maneira moi positiva, sen dúbida. A nivel científico destacaría a importancia de cuestionar absolutamente todo e de entender sempre por que facemos un determinado experimento ou utilizamos unha determinada técnica, puntos nos que María José sempre facía bastante fincapé e que ata hoxe marcan a miña forma de ser investigadora. En relación ao CiMUS, tiven a oportunidade de vivir o traslado do grupo de María José ao edificio e de estrear os laboratorios no 2012. Foi un gran salto cualitativo en relación ao espazo onde estabamos antes! Creo que este tipo de infraestruturas son fundamentais para animar á colaboración entre os diversos grupos de investigación da USC, xa que a proximidade permitiunos compartir equipos, experiencias e ideas, mesmamente só con encontros e conversas de corredor.

 

Supoñen a nanomedicina e os sistemas de liberación de fármacos a revolución na actual loita contra enfermidades, en particular aquelas de alta prevalencia como o cancro?

Na miña opinión as últimas décadas de investigación demostraron o gran potencial da nanomedicina no tratamento e prevención de enfermidades de alto impacto, como se viu co desenvolvemento das vacinas contra a COVID-19, ou no caso dalgunhas formulacións de liposomas xa dispoñibles no mercado hai bastantes anos para o tratamento de determinados tipos de cancro. O traslado destas innovacións á clínica non sempre é todo o rápido que nos gustaría, pero sen dúbida poden chegar a representar unha revolución na forma na que abordamos o tratamento dalgunhas enfermidades.

 

Nanotecnoloxías para o deseño de nanomedicinas innovadoras, vantaxes?

Os nanosistemas presentan unha ampla cantidade de vantaxes sobre outros sistemas a nivel da liberación controlada de fármacos. Son vehículos xeralmente direccionados ao órgano, tecido ou mesmo célula-diana, diminuíndo o risco de efectos secundarios causados polo fármaco, e nalgúns casos permitindo unha redución da dose necesaria para obter un efecto terapéutico. A súa versatilidade permite que sexan "adaptados" para distintas aplicacións, e o seu pequeno tamaño permite cargalos con elevadas cantidades de fármaco. Ademais, diversos investigadores demostraron xa que estes sistemas pódense incorporar en formas farmacéuticas destinadas a diferentes vías de administración como a nasal, a transdérmica ou a bucal, algo que facilita a aceptación destes medicamentos pola poboación, en particular polos pacientes de menor e maior idade (poboacións pediátrica e xeriátrica).

 

Que opinas da aplicación do TIC (IA) na medicina?

Sen ser experta no campo, vexo con grande expectativa os avances destas tecnoloxías no noso campo de investigación. Creo que hai unha grande oportunidade de optimizar o traballo dos investigadores a través do uso da intelixencia artificial para o tratamento e análise de longas cantidades de información. Paréceme que a IA vai permitir que os investigadores invistan máis tempo en pensar (algo que non é fácil), xerar ideas e planificar proxectos, en lugar de gastar ese tempo en tarefas repetitivas relacionadas coa recolección, tratamento e análise de datos.

 

Que consellos darías a investigadores/as novos que aspiran a proxectar a súa carreira?

Creo que as dúas cousas máis importantes a desenvolver cando queres ter unha carreira científica son a curiosidade e a resiliencia. A investigación é unha carreira de fondo, e en ocasións pódese facer extremadamente dura. Na miña opinión, é fundamental manter a curiosidade e a paixón pola ciencia en todo o que facemos, porque só así seguiremos entusiasmándonos cunha nova idea, interesándonos por un novo traballo científico e motivándonos para volver empezar tras un experimento errado. Así mesmo, non creo que sexa posible avanzar na investigación sen desenvolver, traballar e manter un nivel considerable de resiliencia. Desafortunadamente hai unha gran carga de rexeitamento e frustración na ciencia, e é importante aprender a levantarse cada vez que as cousas non saen ben (ou como esperabamos). Crer no noso esforzo e traballo, e lembrar sempre o motivo polo que estamos nesta carreira, para min son aspectos esenciais do camiño e o que máis me axudou a vivir os bos e malos momentos. Tamén lle diría aos mozos investigadores que non teñan medo de probar, de saír da súa zona de confort, de experimentar oportunidades de traballo que quizais os leven un pouco lonxe de casa. Digo isto porque nada é para sempre, e podemos sempre volver aos sitios onde fomos felices, pero as oportunidades poden non volver xurdir, así que hai que aproveitalas cando aparecen!

 

Que é para ti o talento? Crees que se está coidando no ámbito científico? en Galicia, España, Europa...?

O talento é un concepto bastante abstracto, sobre todo no ámbito científico. Creo que lamentablemente o sistema educativo actual en moitos países (como é o caso de España) non alimenta nin motiva a curiosidade ou a creatividade, que son algo fundamental na ciencia. Por iso, creo que hai moito talento investigador probablemente oculto nun sistema que "formatea" a todos os estudantes por igual. A sociedade probablemente asocia o talento científico cos "xenios" aos que vemos gañar grandes premios, pero eu creo que tamén hai moito talento na enorme cantidade de persoas que manteñen o día a día da investigación científica en funcionamento. Por iso opino que para coidar o talento investigador hai que ter unha visión ampla da formación e desenvolvemento deses investigadores, repensar e reformar o sistema educativo (non só universitario), e principalmente entender que o adecuado financiamento da investigación e innovación achega un valor inestimable ao desenvolvemento dun país. Pódese entender ben as prioridades dun país con só analizar o investimento que se fai en educación, investigación, innovación, etc. Todos estes campos achegan crecemento e estabilidade económicos e sociais, aínda que moitos gobernantes (de todo o espectro político) sigan sen recoñecelo ou sen actuar en conformidade con esta realidade. Evidentemente fixéronse grandes avances, pero aínda queda moito camiño por percorrer para que podamos dicir que (mesmo en Europa) se coida o talento científico.