Ir o contido principal
Científica

Endotelio, o maior órgano do corpo, a debate no CiMUS o próximo 9 de xuño

  • Nel abordaranse diferentes aspectos, desde a bioloxía fundamental ata a inflamación e a fisiopatoloxía
  • O prazo de inscrición abrirase o próximo 3 de abril ata o 19 de maio
  • O envío de abstracts permanecerá aberto ata o 21 de abril

 

 

O segundo taller español de endotelio xa ten data reservada no calendario. Celebrarase o próximo 9 de xuño no CiMUS da USC, concentrándose o seu programa nunha única xornada.  Nel abordaranse diferentes aspectos do que se considera o maior órgano do corpo e clave no envellecemento e en numerosas enfermidades: o endotelio. Da man de 15 especialistas de referencia nacionais e internacionais, abarcarase desde a súa bioloxía fundamental ata a súa inflamación e fisiopatoloxía. 

Eles serán os encargados de impartir o programa deste taller que se distribuirá en tres sesións formativas e dúas plenarias, correndo a cargo de Ellie Tzima, da University of Oxford Medical Science Division, e de Andreas Fischer, da University Medical Center, estas últimas.

O prazo de inscrición para poder participar neste workshop abrirase o próximo 3 de abril, estendéndose ata o 19 de maio. Pola súa banda, o envío de abstracts permanecerá aberto ata o 21 de abril.

Organizado pola USC e o IDIS, o Comité Local conta entre os seus membros cos investigadores do CiMUS, Manuel Campos, Celia Pombo, Juan Zalvide e Ezequiel Álvarez; o investigador IDIS, Francisco Campos, e a investigadora da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), Natalia Reglero.

 

 

Máis información: https://www.workshopendothelium.com/