Ir o contido principal
Científica

"Estou segura de que pronto teremos un potente tratamento contra o cancro, aprobado no mercado, baseado en nanopartículas cargadas de ARNm"

                                                                                                                                      Carreiras científicas de egresados do CiMUS


Así o afirma a que foi investigadora posdoutoral CiMUS no laboratorio de María José Alonso, Eleni Samaridou, e actualmente IP en Merck KGaA, Alemaña. Convencida de que a nanomedicina está preparada para revolucionar a medicina moderna e mellorar os produtos farmacéuticos tradicionais, defende que os fluxos de traballo deben de estar preparados para que a chegada ao mercado do medicamento de ARN sexa o máis sinxela posible. Este centro da USC foi a súa porta de acceso a este campo en torno ao cal xira a súa traxectoria profesional e na que considera clave traballar en algo motivador, contar cunha rede sólida de colaboradores, ter sempre presente onde se empezou e ser un aprendiz para sempre. 

 

En que se centra o teu traballo actual?

Son investigadora principal en Merck KGaA, Darmstadt, Alemaña (desde 2021), e céntrome en apoiar o desenvolvemento de formulacións preclínicas de nanopartículas lipídicas para vacinas e terapias de ARNm. Contamos cun incrible equipo de científicos e expertos, comprometidos coa mellora da vida dos pacientes. Participamos activamente en varios programas desenvolvendo formulacións para terapias de ARNm para enfermidades xenéticas, enfermidades metabólicas, vacinas para enfermidades infecciosas e aplicacións contra o cancro, pero tamén outras terapias baseadas en ácidos nucleicos (como enfoques de interferencia de ARN, modalidades novas, etc.) con solicitudes de desarrolladores procedentes de máis de 24 países diferentes. En Merck KGaA, deseñamos os nosos fluxos de traballo para que a chegada ao mercado do medicamento de ARN sexa o máis sinxela posible.

 

Que che achegou o teu paso (e ampla parada) polo CiMUS, a túa formación na USC e traballar ao carón de figuras de referencia como María José Alonso?

O traballo como investigadora posdoutoral no laboratorio de María José Alonso, no CiMUS, foi unha porta para min e onde despegou a miña carreira en nanotecnoloxía. A Prof. María José Alonso deume a oportunidade de participar en diferentes proxectos, en colaboración con grandes consorcios científicos, con expertos tanto da industria como do mundo académico. O tempo que estiven no laboratorio que ela coordina dotoume dunha mentalidade científica crítica, baixo a súa titoría, e unha rede moi sólida no traballo de campo. Estareille eternamente agradecida á Prof. Alonso por esta oportunidade e polo seu grande apoio e dirección, que xogaron un papel crucial para o meu desenvolvemento profesional.

 

Que significa desenvolver a nanotecnoloxía hoxe?

A nanotecnoloxía, ademais dos numerosos e diversos campos de aplicación, revolucionou o campo médico e a forma de tratar as enfermidades. Desenvolver nanotecnoloxía nesta contorna significa deseñar racionalmente nanopartículas de alto rendemento como vehículos de administración de medicamentos para permitir que o fármaco chegue ao tecido obxectivo de maneira segura e eficiente. Ao traballar neste aspecto, facémolo na sección transversal de múltiples correntes científicas; bioloxía, medicina, física e bioinxeniería para atopar solucións para aplicacións tales como o tratamento de enfermidades, a prevención de enfermidades, as tecnoloxías para aliviar a dor e a medicina para mellorar a saúde humana. 

A pesar do enorme potencial da nanomedicina, aínda quedan importantes desafíos por superar. Non existe unha solución única neste campo. Cada sistema de administración de nanopartículas está deseñado e personalizado para a carga terapéutica específica, a enfermidade e a vía de administración, mantendo sempre como primeira prioridade a súa seguridade para o seu uso in vivo. 

As nanopartículas deseñadas para tal uso deben ser totalmente reproducibles, con propiedades controladas (pequenas diferenzas de tamaño poden xerar enormes diferenzas de función), para permitir a produción en escalas suficientes para a vacinación ou o tratamento masivo, e ao mesmo tempo, ter suficiente estabilidade de almacenamento a longo prazo a temperaturas loxisticamente convenientes. Ademais, o noso traballo neste campo innovador, permítenos aplicar a curiosidade científica a diario para mellorar a vida das persoas, e esa é a maior recompensa.

 

En que campos a nanotecnoloxía podería marcar a diferenza no futuro?

A nanotecnoloxía aplícase desde hai anos con éxito en numerosos e diversos campos. Desde o meu punto de vista, vexo o enorme papel da nanotecnoloxía na medicina. Houbo grandes avances na nanomedicina nos últimos anos, que culminaron coa aprobación das vacinas de ARNm contra a Covid-19, que ampliaron o mercado da nanomedicina. 

A nanomedicina está preparada para revolucionar a medicina moderna e mellorar os produtos farmacéuticos tradicionais de maneira significativa. Sen dúbida, desempeñará un papel crucial en aplicacións futuras, como a medicina personalizada, desde a predición ata o seguimento e o tratamento. Estou segura de que pronto teremos un potente tratamento contra o cancro, aprobado no mercado, baseado en nanopartículas cargadas de ARNm. 

 

Que opinas da aplicación do TIC (IA) na medicina?

A IA chegou para quedar. O noso campo comezou a aproveitar os seus beneficios únicos para automatizar o traballo manual e acelerar os procesos. A IA xa se emprega:  

  • No desenvolvemento de fármacos: selección de moléculas terapéuticas, o que permite predicir os candidatos bos fronte aos malos, aforrando unha enorme cantidade de tempo, custos e esforzos á comunidade científica.
  • Como biomarcador de diagnóstico/progreso da enfermidade: para dar indicación da gravidade da enfermidade e minimizar os casos de morte.
  • Para permitir un tratamento personalizado: predicir a reacción individual ao medicamento.

A pesar do seu enorme potencial, a IA segue sendo unha ferramenta en desenvolvemento e require dunha capacitación significativa para permitir un verdadeiro salto diferencial.


Que consellos darías a investigadores/as novos que aspiran a proxectar a súa carreira?

  • Elixe traballar nalgo que te motive e que te faga espertar satisfeito pola mañá. 
  • Inviste na construción dunha rede sólida de colaboradores: isto é clave para o desenvolvemento profesional.
  • Lembra sempre onde empezaches e as persoas que te apoiaron no camiño. 
  • Se un aprendiz para sempre e aprende a atopar camiños alternativos cando as cousas non saian segundo o planeado.

 

Que é para ti o talento? Cres que se está coidando no ámbito científico? en Galicia, España, Europa??

Na nosa contorna, creo que o talento non é un don: é algo que se necesita desenvolver con práctica, entusiasmo e un adestramento adecuado, o que leva a unha competencia extraordinaria no sector. O talento necesita un fomento adecuado para marcar a diferenza.

Creo que Galicia, e España en xeral, xerou científicos brillantes en todo tipo de disciplinas. Desde a miña experiencia persoal, vin en centros de investigación de última xeración, identificación adecuada de talentos e apoios de bolsas para garantir a retención do talento, mentres estaba no laboratorio da Prof. Alonso.

En termos máis xerais, a Unión Europea promove activamente a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación con varias oportunidades de financiamento. Por tanto, é importante que os mozos investigadores sexan proactivos e sigan esas convocatorias e soliciten apoio para desenvolver aínda máis o seu talento.