Ir o contido principal
Científica

Formación de excelencia no CiMUS: Bolsas de Verán de 2026

  • O Centro Singular da USC ofrece, durante o próximo mes de xullo, 10 bolsas a estudantes de grao que desexen achegarse á investigación.

 

Xa está aberta a IX edición do Programa de Bolsas de Verán «CiMUS Summer School». Este Centro Singular da USC ofrece 10 bolsas de verán nos seus laboratorios para estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no eido das Ciencias da Vida.

Unha oportunidade para que o estudantado poida integrarse nun contorno de investigación dinámico e competitivo e traballar en temáticas na fronteira do coñecemento.

As bolsas son remuneradas e están dotadas con 750 € (brutos), máis unha axuda para alumnado non residente en Santiago de Compostela, destinada ao financiamento da súa estancia de investigación no CiMUS durante o próximo mes de xullo.

As persoas interesadas deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, empregando o formulario de solicitude dispoñible no seguinte enderezo: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/InvestigacionBolsasVeranCIM…. A solicitude irá dirixida ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D antes do 29 de abril de 2026 ás 23:59 h (CEST).

 

Desenvolvemento dun proxecto de investigación

Para optar a elas, as persoas candidatas deberán ter superado o 55 % dos créditos dos seus estudos de grao en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Química ou outra titulación relacionada de calquera universidade, cunha nota media igual ou superior a 8 nunha escala de 10.

Durante a súa estancia, as persoas candidatas seleccionadas poderán desenvolver un breve proxecto de investigación baixo a supervisión dun/dunha investigador/a principal do centro, enmarcado dentro dos dous programas de investigación: "Mecanismos Moleculares", que estuda enfermidades crónicas de alto impacto na sociedade (obesidade e metabolismo, cardiovascular, neurodexeneración e cancro), e "Integrativo Traslacional", sobre novos fármacos e novas estratexias terapéuticas (cribado de fármacos, nanoentrega, medicina xenómica e radioteragnóstica).

Máis información sobre esta convocatoria: https://cimus.usc.gal/es/empleo/becas-de-verano-del-cimus-ix-edicion

 

Sobre o CiMUS

O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que acredita a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Tamén foi acreditado a nivel nacional como Unidade María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).