A Fundación "la Caixa" impulsa con preto dun millón de euros un proxecto biomédico con participación do CiMUS da USC
- O grupo de María José Alonso colabora neste estudo liderado desde o CNIO que impulsa unha estratexia terapéutica para combater enfermidades cardíacas
A Fundación "la Caixa" seleccionou 29 novos proxectos de investigación biomédica de excelencia con grande impacto social dentro da convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2024, dotada con 25,7 millóns de euros, para que poidan levar a cabo en centros de investigación, hospitais e universidades de España e Portugal.
A convocatoria, á que se presentaron nesta sétima edición 580 propostas de investigación básica, clínica e traslacional, está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde dentro de diferentes ámbitos: enfermidades infecciosas (con 7 proxectos seleccionados), oncoloxía (6), enfermidades cardiovasculares e metabólicas (5), e neurociencias (5). Ademais, outras 6 iniciativas elixidas desenvolverán tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos.
Entre os seleccionados deste ano hai un proxecto liderado por Guadalupe Sabio, do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) que leva a cabo en consorcio con María José Alonso, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela; Hesham Sadek, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) e Mónica Giménez Marqués, do Instituto de Ciencia Molecular (ICMol) da Universitat de València. O proxecto recibe unha subvención de 999.920 euros da Fundación "la Caixa" para trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades cardíacas.
As enfermidades cardiovasculares son a causa principal de defunción en todo o mundo. De acordo coa Organización Mundial da Saúde (OMS), estímase que, en 2019, faleceron 17,9 millóns de persoas como consecuencia dunha enfermidade cardiovascular, o que representa o 32 % de todas as mortes a escala mundial. Destas, o 85 % debéronse a infartos de miocardio e a accidentes cerebrovasculares.
O corazón, clave neste grupo de trastornos, é o órgano que presenta a demanda metabólica máis elevada e require dunha enorme flexibilidade para poder adaptarse aos cambios diarios. Calquera alteración no seu metabolismo aumenta o risco de que se produza un fallo cardíaco. Neste sentido, no presente proxecto estudaranse os mecanismos implicados no metabolismo cardíaco, o que abrirá a porta a identificar novas estratexias terapéuticas.
En estudos anteriores, o equipo identificou unha proteína clave no mecanismo de detección do osíxeno por parte das mitocondrias das células do músculo cardíaco, e os datos preliminares suxiren que a modulación deste mecanismo de detección podería proporcionar protección contra danos cardíacos. Neste proxecto, o equipo avaliará a capacidade terapéutica dunhas nanopartículas deseñadas para eliminar, precisamente, esa proteína no contexto de hipoxia cardíaca e de infarto de miocardio, co obxectivo de dilucidar se se trata dunha estratexia viable para combater as enfermidades cardíacas.
Unha convocatoria competitiva e colaborativa
A convocatoria realízase en colaboración coa Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT), do Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal, que achega 2,9 millóns de euros para subvencionar 3 dos 9 proxectos portugueses seleccionados nesta edición. Así mesmo, tamén está apoiada pola Fundación Luzón, que subvenciona, xunto coa Fundación "la Caixa", un proxecto sobre esclerose lateral amiotrófica (ELA).
As axudas supoñen un apoio económico de ata 500.000 euros para proxectos presentados por unha única organización de investigación e de ata un millón de euros para proxectos presentados por consorcios de entre 2 e 5 organizacións de investigación. Todos eles terán ata 3 anos para executar as súas investigacións.
CaixaForum Madrid acolleu onte o acto de entrega das axudas, ao que acudiron representantes da Fundación "la Caixa" como o director xeneral adxunto, Juan Ramón Fortes; o presidente do Comité Científico, Javier Solaina; a director da área de Relacións con Institucións de Investigación e Saúde, Ignasi López, e o patrón da Fundación e presidente honorario do Banco Português de Investimento (BPI), Artur Santos Silva. Asistiron así mesmo a presidenta da Fundación Luzón, María José Arregui, e a presidenta do Consello Directivo da FCT, Madalena Alves, ademais dos investigadores e investigadoras que están á fronte dos proxectos.
CaixaResearch de Investigación en Saúde é unha convocatoria competitiva que conta con expertos internacionais de gran prestixio nos seus campos de estudo para a selección dos proxectos de maior excelencia científica e impacto social. Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria foi de 145,7 millóns de euros para 200 proxectos, 137 deles, liderados por equipos españois, e 63, por grupos de investigación de Portugal. Na actualidade, esta é a convocatoria filantrópica de investigación en biomedicina e saúde máis importante de España e Portugal.
Os investigadores que desexen optar a unha axuda na convocatoria de 2025 poden presentar os seus proxectos ata o 20 de novembro deste ano. Como novidade, na próxima edición as iniciativas centradas en enfermidades minoritarias pediátricas e en diabetes tipo 1 terán a oportunidade de recibir financiamento específico no marco de colaboracións coa Fundación de Investigación Sant Joan de Déu e coa Fundación Breakthrough T1D, respectivamente.