Ir o contido principal
Científica

A Fundación OC axudará a financiar un proxecto do CiMUS da Universidade de Santiago contra os tumores cerebrais

  • A Fundación OC Contra o Cancro e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un acordo de colaboración en virtude do cal, a fundación dará apoio na recadación de fondos para o proxecto de investigación sobre nano radiofármacos contra os tumores cerebrais que leva a cabo a universidade. 

 

A Fundación OC Contra o Cancro asinou un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela para financiar o proxecto de investigación sobre nano radiofármacos contra o glioblastoma que se está desenvolvendo no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade. Este acordo amplía o campo de acción da Fundación OC na súa loita para salvar vidas de persoas enfermas de cancro.

O glioblastoma é un tipo de tumor cerebral que pode manifestarse a calquera idade, pero dáse maioritariamente en adultos de entre 45 e 70 anos, e que na actualidade non ten cura. O estudo do CiMUS da USC, dirixido por María José Alonso e Pablo Aguiar, céntrase no uso da nanotecnoloxía para o tratamento desta enfermidade, levando radiofármacos ata o glioblastoma, mediante unha inxección intravenosa.

Este estudo enmárcase no proxecto "Early molecular nanoDIAGnostics of Brain tumors using ImmunePET (DIAGBI)" da convocatoria de Proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público-privada do Ministerio de Ciencia e Innovación, pero á vez require da participación cidadá para recadar fondos procedentes de doazóns privadas. A Universidade recolle estas achegas a través da plataforma da Fundación OC Contra o Cancro, que entre outros eventos, tamén organiza carreiras solidarias para recadar fondos e loitar contra esta enfermidade.

"A firma deste acordo constitúe un paso adiante nos obxectivos da Fundación OC, xa que nos permite ampliar o noso radio de acción e levar a axuda necesaria a persoas afectadas por un tipo de cancro sobre o que existen moi poucas liñas de investigación", afirma Valérie Joly, presidenta e fundadora da Fundación OC. "Acordos como este anímannos a seguir esforzándonos para concienciar a sociedade sobre a importancia de investir na investigación contra esta enfermidade".

 

Gañar a carreira ao cancro

A Fundación OC organiza carreiras solidarias para recadar os fondos necesarios para financiar a loita contra o cancro. Ata a data, a fundación recadou máis de 160.000 euros procedentes de doazóns privadas.  

A primeira edición da carreira "Nenos sen cancro", tivo lugar en Valdemorillo en setembro de 2023. A segunda edición, chamada "Nenos sen cancro City", celebrarase o próximo 19 de maio, ás 10:00 h, no parque Juan Carlos I de Madrid.

Non se trata dunha carreira exclusiva para runners, senón que tamén hai marcha nórdica, patíns, bicicletas, etc. Nesta carreira non gaña o mellor corredor, se non o que máis diñeiro recada. Os participantes só teñen que inscribirse na web da Fundación OC: https://bit.ly/3vPESW6, crear unha colecta e estendela a todos os seus amigos e familiares. Tamén hai fila cero e doar sen correr.
 

Acerca de Fundación OC

A Fundación OC, Óscar Contigo, foi fundada en 2023 por Valérie Joly e Martín Segado en memoria do seu fillo Óscar, que faleceu aos 9 anos vítima dun meduloblastoma. Desde a súa creación, a fundación realizou numerosos proxectos e actividades co propósito de recadar fondos para fomentar a investigación contra o cancro infantil e ofrecer tratamentos innovadores aos nenos afectados por esta enfermidade. O buque insignia da fundación é o ensaio Fase 1-2: Terapia metabólica sobre tumores en recaída da Unidade de Oncoloxía Infantil de HM Montepríncipe.

Máis información: 
   Fundación OC: https://www.fundacionoc.org 

   Carreira "Nenos sen cancro city": https://www.ninossincancer-city.es

Acerca do CiMUS

O Centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02) que acredita a calidade e impacto da súa investigación e está «subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e «co financiado pola Unión Europea».