Ir o contido principal
Científica

Investigacións do CiMUS contra a COVID-19, viveiro para novos avances terapéuticos

  • O CiMUS acolleu a presentación de resultados dos proxectos para frear o avance da pandemia, que permitiron desenvolver ferramentas de potencial uso fronte a outras patoloxías
  • COVTES, dirixido por José A. Costoya, e Nanodecov, por María José Alonso: os dous proxectos que se desenvolveron no CiMUS
 

Na xornada celebrada este martes 25 púxose de manifesto a gran amplitude de proxectos de investigación que contribuíron a loitar conta a COVID-19, levados a cabo polo CiMUS co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), desenvolvendo ao mesmo tempo novas estratexias terapéuticas de potencial aplicación á hora de paliar outras patoloxías.

Proxectos CiMUS

Baixo a coordinación do investigador do CiMUS, José A. Costoya, o proxecto ‘COVTES: proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 baseada en inmunocromatografía’ centrouse no desenvolvemento dunha proba para detectar antíxenos virais nunha mostra nasal, nasofarínxea ou de saliva a través da súa detección específica mediante un ensaio de inmunocromatografía baseado en nanoanticorpos. “A base da proba é sinxela, o que garantiría o seu baixo custo e unha fácil escalabilidade industrial”, explicou o profesor Costoya, quen leva anos traballando xunto co Grupo de Física de Coloides e Polímeros en sensores aplicados ao diagnóstico e tratamento de enfermidades. O proxecto logrou desenvolver un prototipo de test de antíxenos cun dispositivo de lectura para poder "interpretar" os resultados a través dunha aplicación para teléfonos móbiles. O equipo xa está a traballar no potencial uso deste tipo de ferramentas á hora de acometer diferentes patoloxías. 

Por outro lado, baixo a dirección da investigadora do CiMUS María José Alonso, o proxecto Nanodecov aborda o desenvolvemento de nanoterapias para a prevención e tratamento da COVID-19. A vantaxe desta innovadora terapia, composta por vehículos nanométricos que portan distintos principios activos, defínese pola súa administración intranasal, a súa capacidade de dirixirse ao sistema inmune e a natureza dos seus compostos bioactivos.