Ir o contido principal
Científica

Investigadores do CiMUS da USC achan a causa da formación dos cavernomas cerebrais

  • O equipo do laboratorio de Bioloxía Vascular descobre que a falta de dúas proteínas provoca que as células dos vasos cerebrais dean lugar ás malformacións cerebrais chamadas cavernomas
  • Trátase dun significativo avance na liña de estudo do grupo do CiMUS, centrado en identificar e testar dianas terapéuticas para malformacións cavernosas cerebrais vasculares, unha doenza que na actualidade só pode corrixirse con cirurxía
  • O estudo, publicado na revista Stroke, financiouse grazas á plataforma da USC SUMO Valor

 

O proxecto "Identificación e testado de dianas para malformacións cerebrais vasculares", dirixido por Juan Zalvide desde o CiMUS da USC, avanza de maneira significativa ao descubrir a orixe dos cavernomas. Os investigadores do Laboratorio de Bioloxía Vascular desvelaron que a falta de dúas proteínas (chamadas STK24 e STK25) fai que as células dos vasos cerebrais dean lugar a este tipo de malformacións cerebrais que deben o seu nome ao seu aspecto similar a covas ou cavernas.

Os cavernomas cerebrais son malformacións dos vasos sanguíneos do cerebro que forman grandes espazos (cavernas) no canto de tubos, que ocupan espazo dentro do cranio e poden sangrar. Fórmanse moitas veces porque falla un xene dos chamados CCM, pero non se sabe exactamente como ese defecto nun xene fai que se desenvolva a enfermidade. “O noso descubrimento mostra que as dúas proteínas STK24 e STK25 son importantes nese proceso, o que nos permite coñecer mellor que é o que falla nas células dos cavernomas e pode axudarnos a descubrir novos tratamentos para elas”, explica desde o CiMUS Juan Zalvide.

 

Desenvolvemento de tratamentos farmacolóxicos

Segundo Zalvide: “Ata a data desenvolvéronse varios modelos celulares que reproducen moitas das características das que forman esas malformacións; con todo, o seguinte paso relevante de cara ao desenvolvemento de tratamentos farmacolóxicos é utilizar eses modelos para identificar moléculas específicas aos que estas células alteradas sexan máis sensibles que as células sas, para poder usar esas moléculas como fármacos”. Trátase de atopar moléculas que, no futuro, permitan desenvolver fármacos cos que tratar estas malformacións cerebrais, trastornos que ata a data só son abordables mediante neurocirurxía.

 

Buscar solucións alternativas á cirurxía

As malformacións cavernosas cerebrais son malformacións vasculares evolutivas, que ocorren aproximadamente nunha de cada 200 persoas, caracterizadas por densos acios de capilares dilatados de forma irregular, que poden causar manifestacións neurolóxicas variables tales como convulsións, cefaleas inespecíficas, déficits neurolóxicos focais, outros trastornos transitorios ou progresivos e hemorraxias cerebrais. Co aspecto dunha mora pequena, evolucionan e ocasionan problemas no cerebro e na medula espiñal. Estas malformacións, cuxo tamaño pode variar desde 2 milímetros ata varios centímetros de diámetro, poden ser hereditarias, o que se denomina cavernomatoses familiar e é moito máis rara, pero na maioría dos casos aparecen por si soas. Hoxe en día só poden corrixirse con cirurxía, que non é aplicable en todos os casos, e, neste sentido, os investigadores do CiMUS pretenden avanzar noutras alternativas moito menos invasivas e con menor risco, como a terapia con fármacos.

 

Implicación social en avances científicos

Os avances en investigación de cavernomas do Laboratorio de Bioloxía Vascular do CiMUS reciben financiamento de Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. Este programa de mecenado implica a empresas, persoas e institucións nas actividades, proxectos e servizos cos que a USC demostra a súa permanente conexión coa sociedade. Particulares ou empresas poden realizar achegas, que teñen dedución fiscal, contribuíndo a que proxectos de vital importancia polo seu potencial impacto na sociedade acaden os seus obxectivos. Este é o caso do estudo do CiMUS, claro exemplo da aposta da plataforma polo desenvolvemento da ciencia en campos como a biomedicina e a asistencia sanitaria. O estudo conta tamén co apoio da Xunta de Galicia e a Axencia Española de Investigación, ademais da asociación de pacientes de cavernomas STOP CAVERNOMAS.

 

Agradecementos

O estudo conta co apoio da Xunta de Galicia e a Axencia Española de Investigación, ademais da asociación de pacientes de cavernomas STOP CAVERNOMAS (https://cavernomas.org/grupo-stop-cavernomas/); e de todas as persoas que doaron na campaña de micromecenazgo SUMO valor da USC (https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/vascular.html).

Foto de arquivo