Ir o contido principal
Científica

Investigadores do CiMUS da USC contribúen ao descubrimento dun novo mecanismo para loitar contra as enfermidades autoinmunes

  • Atopan tres novas proteínas que regulan a resposta inmunitaria cando ADAR1, unha encima esencial neste proceso de regulación, non funciona correctamente
  • Trátase dun traballo liderado por científicos australianos e realizado en colaboración cos grupos de Diana Guallar e Miguel Fidalgo e publicado na prestixiosa revista Science Immunology

 

As enfermidades autoinmunes afectan na actualidade a entre o 3 e o 5% da poboación mundial e están a aumentar de maneira drástica, probablemente como resultado de cambios na nosa exposición a factores ambientais. Padecer unha enfermidade autoinmune implica que o noso sistema inmunolóxico ataca por erro, cando se atopa co noso propio ARN (xerado a partir do noso material xenético), as células sas dos nosos órganos e tecidos e déixanos desprotexidos fronte a axentes infecciosos que provocan enfermidades. Neste proceso, a encima ADAR1, que desempeña un papel clave ao actuar de "gardiá" para evitar a hiperactivación da inmunidade innata, non sempre funciona correctamente.

Ata a data, só se describiu, en ausencia de ADAR1, un único mediador capaz de controlar a resposta inmunitaria a ARNs de dobre hebra. Agora, os grupos de "Células nai e enfermidades humanas" e "Epitranscriptómica e envellecemento" do CiMUS da USC, liderados por Miguel Fidalgo e Diana Guallar, respectivamente, contribuíron ao descubrimento de tres novas proteínas (GGNBP2, CNOT10 e CNOT11) que actúan de maneira conxunta para restablecer o seu correcto funcionamento. O traballo, realizado en colaboración co equipo que lidera en Australia Carl Walkey, acaba de publicarse na prestixiosa revista científica Science Immunology.

Este estudo, segundo explica Diana Guallar, "supón un importante avance na loita contra as enfermidades autoinmunes causadas por problemas con ADAR1 e é crucial para desenvolver novas terapias e para a abordaxe, ademais, doutras afeccións, como o cancro, coas que esta proteína está relacionadas".

 

Corrixir erros, endereitar o camiño

Os investigadores do CiMUS da USC e da Universidade de Melbourne de Australia consideran que este traballo constitúe un "fito" con gran potencial en enfermidades autoinmunes, ao ofrecer unha nova perspectiva en bastante tempo.  "Descubrimos un novo mecanismo de como se controla a resposta inmunitaria innata, independente de MDA5 que era o único mediador da resposta causada pola ausencia de ADAR1 coñecido, e que xa foi descrito hai case unha década", apunta Fidalgo.

Este estudo tiña como obxectivo pescudar que outras proteínas axudan a controlar esta resposta inmunitaria cando ADAR1 non funciona correctamente. Para iso, os investigadores utilizaron unha técnica de cribado especial usando CRISPR e identificaron outras proteínas que funcionan con ADAR1. Descubriron tres importantes: GGNBP2, CNOT10 e CNOT11, que traballan xuntas, en equipo, para regular a resposta inmunitaria cando ADAR1 non funciona correctamente, regulando a cantidade de ARN do propio organismo que se atopa no citoplasma (a parte da célula onde se atopan os sensores inmunitarios).

"Isto evita que o sistema inmunitario reaccione de forma esaxerada. Por iso, cando falta algunha deste tres proteínas (GGNBP2, CNOT10 ou CNOT11), o corpo ten máis probabilidades de ter unha resposta inmunitaria inapropiada. Entre elas, GGNBP2 parece ter o papel máis significativo, mantendo o ARN nos lugares correctos dentro da célula", conclúe a investigadora principal do CiMUS da USC, Diana Guallar.

  • Jacki E. Heraud-Farlow et al. GNBP2 regulates MDA5 sensing triggered by self double-stranded RNA following loss of ADAR1 editing.Sci. Immunol.9,eadk0412(2024).DOI:10.1126/sciimmunol.adk0412

Sobre CiMUS

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento da enfermidade crónica.

O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola UE».

Máis información na web https://cimus.usc.gal/ ou síguenos nas redes sociais @cimususc (X, Instagram e LinkedIn).