Investigadores do CiMUS da USC descobren unha nova terapia dirixida contra o cancro anaplásico de tiroides sen danar células sas
- O traballo identifica un axente terapéutico que elimina de forma selectiva as células cancerosas anaplásicas de tiroides, un dos cancros máis agresivos e devastadores para o que, na actualidade, existen poucas opcións efectivas de tratamento
- Os resultados da investigación contan con evidencia preclínica convincente e demostran que esta terapia tamén é eficaz noutros cancros anaplásicos de páncreas, pulmón ou estómago
O estudo acaba de ser publicado na prestixiosa revista Nature Communications
O cancro anaplásico de tiroides, un dos máis agresivos e devastadores, actualmente ofrece poucas opcións de tratamento efectivas, cunha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%. Con todo, un novo estudo realizado por investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS), dirixidos por Clara Álvarez do grupo Neoplasia & Endocrine Differentiation e José Cameselle do Servizo de Patoloxía, abre a porta a unha terapia innovadora.
O estudo, publicado na prestixiosa revista Nature Communications, identifica un axente terapéutico, PIAS2b-dsRNAi, que elimina selectivamente as células cancerosas anaplásicas de tiroides sen afectar as células sas ou a outros tipos de cancro de tiroides de curso benigno. "Este achado representa un avance significativo na loita contra esta enfermidade tan desafiante", apunta Clara Álvarez.
Atacando a raíz do problema cunha terapia precisa
Os investigadores descubriron que unha encima chamada PIAS2b desempeña un papel crucial na supervivencia das células anaplásicas de tiroides. A diferenza das células normais ou doutros tipos de cancro, as células anaplásicas dependen de PIAS2b para a súa división. Este descubrimento brindou a oportunidade de deseñar unha terapia dirixida que atacase especificamente a esta encima clave.
O equipo deseñou un axente terapéutico baseado en ARN de dobre cadea (dsRNAi) transcrito in vitro, denominado PIAS2b-dsRNAi. Este dsRNAi actúa como unha molécula mensaxeira inversa, silenciando a expresión da encima PIAS2b dentro das células anaplásicas. Como resultado, estas células perden a súa capacidade de división e morren nun proceso coñecido como catástrofe mitótica. Estes resultados están protexidos por unha solicitude de patente internacional con número de publicación (WO2021/028610A2).
Figura: Localízase por primeira vez a proteína PIAS2b na mitose, ou división, da célula Anaplásica do carcinoma.
A terapia PIAS2b-dsRNAi deplecciona ou elimina PIAS2b desa mitose, a célula non é capaz de continuar e morre.
Validación rigorosa e evidencia preclínica
A eficacia de PIAS2b-dsRNAi avaliouse rigorosamente no laboratorio utilizando cultivos de células de pacientes con cancro anaplásico de tiroides en comparación con células normais, benignas ou doutros tipos de cancro con bo prognóstico. "Os resultados demostraron que o axente terapéutico era altamente selectivo, eliminando exclusivamente as células anaplásicas sen afectar as células sas", segundo explica a investigadora do CiMUS da USC.
Para avanzar na avaliación de PIAS2b-dsRNAi, os investigadores deseñaron ensaios preclínicos in vivo. Implantáronse tumores de pacientes con cancro anaplásico de tiroides en ratos e comparáronse os resultados dos animais tratados coa terapia fronte a un grupo control. Os tumores tratados con PIAS2b-dsRNAi deixaron de crecer, o que proporciona unha evidencia preclínica sólida do potencial terapéutico deste axente.
Eficaz tamén no tratamento doutros cancros
A investigación non se limitou ao cancro anaplásico de tiroides. Os estudos demostraron que PIAS2b-dsRNAi tamén era eficaz na eliminación de células cancerosas anaplásicas doutras localizacións, como páncreas, pulmón ou estómago. Esta versatilidade abre a porta a aplicacións máis amplas no tratamento de diversos tipos de cancro anaplásico.
Estes resultados representan un avance significativo na loita contra o cancro anaplásico de tiroides e outros tipos de cancro anaplásico. A terapia PIAS2b-dsRNAi ofrece unha alternativa prometedora ás opcións de tratamento limitadas actualmente dispoñibles. Os investigadores esperan que este estudo anime as compañías farmacéuticas a investir no desenvolvemento clínico deste axente terapéutico, co obxectivo de levalo aos pacientes canto antes.
Recoñecemento
Este traballo é froito da colaboración entre investigadores clínicos, patólogos e cirurxiáns do CHUS e investigadores de laboratorio do CiMUS, ambos os dous pertencentes ao IDIS-USC. Os investigadores agradecen o apoio do SERGAS e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para a organización da colección TIROCHUS, que permitiu recompilar de forma consecutiva os remanentes das operacións cirúrxicas de tiroides. Así mesmo, expresan a súa "máis profunda admiración polos pacientes" que, coa súa xenerosidade sen límites, cederon os seus tecidos para a investigación, especialmente ás mulleres, xa que esta patoloxía é máis frecuente nelas.
Ligazón: https://www.nature.com/articles/s41467-024-47751-1