Ir o contido principal
Científica

Investigadores do CiMUS da USC e do IDIS desvelan novos avances na abordaxe de enfermidades relacionadas co Alzhéimer

  • Un estudo internacional coordinado por Pablo Aguiar desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), demostra que as persoas que presentan tauopatía primaria relacionada coa idade (PART) non sempre desenvolven a enfermidade de Alzhéimer, como ata o de agora sostiña a ciencia
  • A investigación suxire que esta patoloxía altamente prevalecente na poboación envellecida, PART, require un enfoque terapéutico diferente ao do Alzhéimer e nel podería ser de utilidade a innovadora tecnoloxía PET de diagnóstico por imaxe 
  • O traballo acaba de publicarse na prestixiosa revista JAMA Neurology

Desde hai tempo, os científicos saben que cando se atopan ante un paciente cunha acumulación anormal de proteína tau no cerebro, conxuntamente coa presenza de placas de amiloide, están ante un diagnóstico de Enfermidade de Alzhéimer. Con todo, algunhas persoas maiores sofren acumulación anormal desta proteína tau en ausencia de placas de amiloide, unha condición chamada tauopatía primaria relacionada coa idade (PART). Ata o de agora, enfrontábanse a varias preguntas respecto a esta condición: acabarán estes pacientes desenvolvendo a enfermidade de Alzheimer? ou é unha patoloxía diferente?

Agora, unha investigación internacional coordinada por Pablo Aguiar desde o CiMUS da USC e o IDIS, conseguiu responder a esta pregunta e abrir novas vías terapéuticas para esta enfermidade neurodexenerativa altamente prevalecente na poboación envellecida.

Trátase dunha investigación na que participan ademais Michael Schöll, da Universidade de Gotemburgo (Suecia) e Michel Grothe, do Instituto de Biomedicina de Sevilla. Na súa publicación na revista JAMA Neurology, os científicos fixeron uso da tomografía por emisión de positróns (PET) cun trazador sensible ao tau patolóxico para confirmar que unha cantidade significativa de persoas con deterioración cognitiva padecen PART. Demostraron que estes pacientes continuaron acumulando tau patolóxico ao longo do tempo, pero a un ritmo moito máis lento que as persoas con Alzhéimer e nunha zona restrinxida do cerebro. 

 

 

 

 

 

 

 

 

Camiños diverxentes

Os investigadores conclúen que, aínda que esta acumulación de tau en individuos con PART non se pode considerar estrictamente como un proceso benigno, a evolución dos pacientes é completamente diferente aos pacientes con Alzhéimer. En base a estes resultados, PART e a enfermidade de Alzhéimer representan probablemente dúas entidades patolóxicas diferentes, cada unha das cales requirirá dun tratamento específico. Neste sentido, o PET de tau, orixinalmente ideado para detectar tau na enfermidade de Alzhéimer, pode ter unha nova utilidade diagnóstica detectando pacientes con PART, para os cales non existe, na actualidade, ningún biomarcador diagnóstico.  

Imagen- Detección mediante PET da acumulación cerebral da proteína tau en pacientes con PART (esquerda) e con enfermidade de Alzhéimer (dereita)

 

 

Metodoloxía

Para demostralo, os coautores principais do traballo, Alejandro Costoya-Sánchez da Universidade de Santiago de Compostela e Alexis Moscoso da Universidade de Gotemburgo, analizaron imaxes PET de amiloide e tau, imaxes de resonancia magnética nuclear, biomarcadores de líquido cefalorraquídeo, e resultados de probas neuropsicolóxicas de 965 persoas, que proviñan de tres estudos internacionais: a Alzheimer’s Disease Neuroimaging Initiative (ADNI), o Harvard Aging Brain Study (HABS) e o estudo AVID-A05. A metade eran mulleres, a súa idade media era de 74 anos e o 93% eran caucásicos.

De todos os participantes, 264 pacientes tiveron PET de tau positivo e PET de amiloide negativo, e por tanto foron clasificados como individuos PART. Doutra banda, 451 pacientes tiveron PET de tau positivo e PET de amiloide positivo, e foron clasificados como pacientes con Alzhéimer. O resto dos individuos mostraron biomarcadores negativos e estaban clinicamente sans a nivel cognitivo, polo que foron clasificados como controis.

Os resultados da comparación entre estes grupos mostraron que, ao comezo do estudo, as persoas con Alzhéimer presentaban acumulación de tau xeneralizada nos lóbulos temporal, parietal e frontal, mentres que nos pacientes con PART esta acumulación limitábase principalmente ao lóbulo temporal medial. Durante os tres anos de seguimento, os participantes con PART acumularon pouco tau, e restrinxido aos lóbulos temporais. En cambio, as persoas con Alzhéimer acumularon case tres veces máis tau anualmente en toda a cortiza cerebral.

A atrofia e a deterioración cognitiva nestes individuos reflectiron o efecto desta acumulación de tau. Nos pacientes con PART, a atrofia limitábase ao lóbulo temporal medial, e o resto da cortiza permanecía intacta, a diferenza dos pacientes con Alzhéimer, que mostraron atrofia noutras rexións corticales máis aló do lóbulo temporal. Ademais, a deterioración cognitiva que presentaron os individuos con PART foi moi leve, case tres veces inferior á deterioración que presentaron os pacientes con Alzhéimer. Os investigadores puideron concluír que os pacientes con PART mostran taxas de progresión significativamente máis lentas en comparación coas dos pacientes con Alzhéimer.

 

Repercusión internacional

Desde a súa publicación, o traballo tivo unha repercusión importante entre os científicos a nivel global, con editoriais, comentarios e aproximacións de distinta índole de expertos de entidades de diferentes puntos, como a Universidade de California, Berkeley, a Facultade de Medicina da Universidade de Stanford ou a propia Universidade de Gotemburgo sobre o alcance deste traballo.

En conclusión, os resultados desta investigación pioneira suxiren que PART parece ser unha entidade patolóxica distinta á enfermidade de Alzhéimer que, a pesar de compartir algunhas características similares, ten unhas consecuencias clínicas e patolóxicas distintas, polo que probablemente requira dun enfoque terapéutico diferente. Neste sentido, o PET de tau pode ser unha ferramenta útil para detectar pacientes con PART e estudar o efecto de novas terapias enfocadas a esta patoloxía tan prevalecente na poboación envellecida.

 

Ligazón á publicación

Costoya-Sánchez A, Moscoso A, Silva-Rodríguez J, et al. Increased Medial Temporal Tau Positron Emission Tomography Uptake in the Absence of Amyloid-β Positivity. JAMA Neurol. 2023;80(10):1051–1061. doi:10.1001/jamaneurol.2023.2560

 

Sobre o CiMUS

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento da enfermidade crónica. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Más información na web https://cimus.usc.gal/ ou síguenos nas redes sociais @cimususc (Twitter, Instagram e LinkedIn).