Ir o contido principal
Científica Transferencia

Investigadores do CiMUS da USC revelan novas opcións terapéuticas do Remestirom, o único fármaco aprobado para a fibrose hepática

  • O traballo, que vén de ser publicado na prestixiosa revista MedComm, descobre que o medicamento tamén frea a activación das células estreladas do fígado, responsables de complicacións graves como a cirrose ou o cancro.

  • O descubrimento abre novas posibilidades para desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade, que afecta a unha cuarta parte da poboación mundial e constitúe unha das principais causas de enfermidade hepática crónica.

Investigadoras do grupo de Metabolismo Molecular da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado por Rubén Nogueiras desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), identificaron novas posibilidades terapéuticas do Resmetirom, o único fármaco aprobado na actualidade para o tratamento da fibrose hepática asociada á enfermidade hepática esteatósica vinculada á disfunción metabólica (MASLD).

A MASLD afecta aproximadamente entre o 25 % e o 30 % da poboación mundial e constitúe unha das principais causas de enfermidade hepática crónica. A súa forma máis grave caracterízase pola inflamación do fígado e a acumulación progresiva de cicatrices (fibrose), que poden danar o órgano de maneira irreversible e evolucionar cara á cirrose, a insuficiencia hepática ou o cancro de fígado. Neste proceso, as células estreladas hepáticas desempeñan un papel esencial, xa que, ao activarse, son as principais responsables da formación da fibrose.

A investigadora do CiMUS e primeira autora do estudo publicado na revista MedComm, Eva Novoa, explica que «ata o de agora considerábase que o principal efecto do Resmetirom tiña lugar nos hepatocitos, favorecendo a perda de graxa; porén, os nosos resultados demostran que tamén actúa directamente sobre as células estreladas hepáticas, reducindo a súa activación e a súa capacidade fibroxénica». Pola súa banda, Alba Cabaleiro, co-primeira autora do traballo, engade que «este achado contribúe a comprender mellor como o Resmetirom é capaz de mellorar simultaneamente as alteracións metabólicas e a fibrose no contexto da MASLD».

Frea a acumulación de cicatrices e detén o desenvolvemento da cirrose ou do cancro hepático

Os investigadores identificaron ademais o mecanismo molecular responsable deste efecto. O estudo demostra que a acción antifibrótica do Resmetirom depende da activación do receptor da hormona tiroidea alfa (THRα), predominante nas células estreladas hepáticas, e do encima FAAH. Cando calquera destes dous compoñentes se bloquea experimentalmente, o fármaco perde boa parte da súa capacidade para impedir a activación das células responsables de producir fibrose.

Os resultados tamén revelan que o Resmetirom actúa mediante un dobre mecanismo complementario: mentres nos hepatocitos reduce a acumulación de graxa a través do receptor THRβ, nas células estreladas hepáticas limita directamente o desenvolvemento da fibrose mediante a vía THRα-FAAH. Este descubrimento axuda a explicar mellor a eficacia clínica observada con este tratamento e abre novas posibilidades para desenvolver terapias dirixidas especificamente contra a fibrose hepática.

O traballo contou cunha ampla colaboración nacional e internacional, coa participación de investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), do CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), de CIC bioGUNE, do IDIBAPS, así como da Universidade de Lille (Francia) e da Universidade de Lübeck (Alemaña).

Artigo:
E. Novoa, A. Cabaleiro, B. López-Picallo, et al. “Resmetirom Ameliorates Fibrogenesis in Hepatic Stellate Cells via Thyroid Hormone Receptor Alpha-Fatty-Acid Amide Hydrolase 1 Signaling Pathway.” MedComm 7, no. 8 (2026): e70901. https://doi.org/10.1002/mco2.70901

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes. A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).