Investigadores europeos atopan novos factores biolóxicos implicados no crecemento do aneurisma de aorta abdominal

Un equipo internacional de investigadores europeos, dirixido desde o grupo Metabolic Homeostasis and Vascular Calcification do CiMUS da USC e do IDIS, publicou un estudo que achega novas claves para comprender o crecemento temperán do aneurisma de aorta abdominal, unha enfermidade cardiovascular grave e potencialmente mortal.
O aneurisma de aorta abdominal consiste nunha dilatación anormal da arteria principal do corpo e adoita evolucionar de maneira silenciosa. A súa rotura presenta unha elevada mortalidade, polo que mellorar a capacidade para predicir a súa evolución é un dos grandes retos da medicina cardiovascular. Na actualidade, a cirurxía é o único tratamento capaz de previr a rotura do aneurisma, pero só se indica cando a dilatación acada un tamaño elevado. Para os aneurismas pequenos, o control e o seguimento periódico son a única opción clínica.
O estudo analiza mostras de sangue de pacientes europeos e demostra que a actividade da fosfatase alcalina circulante e a degradación do pirofosfato, unha molécula que protexe fronte á calcificación das arterias, están relacionadas coa velocidade de crecemento do aneurisma nas súas fases iniciais. Os resultados amosan unha relación inversa entre a degradación do pirofosfato no sangue e o crecemento do aneurisma, o que suxire que algúns procesos de calcificación poderían contribuír a estabilizar a parede da aorta en determinados pacientes. Neste contexto, o estudo publicado en Journal of Molecular Medicine achega unha base científica para o desenvolvemento futuro de biomarcadores sanguíneos que permitan mellorar a estratificación do risco e o seguimento personalizado dos pacientes con aneurisma de aorta abdominal.
O traballo desenvolveuse en colaboración con centros de investigación e hospitais de Dinamarca e España, utilizando datos dunha cohorte poboacional europea VIVA. “Actualmente, o seguimento dos aneurismas pequenos baséase case exclusivamente en probas de imaxe. Os nosos resultados abren a porta a identificar procesos biolóxicos medibles no sangue que poderían axudar no futuro a predicir a súa evolución”, explica o doutor Villa-Bellosta, investigador principal do estudo.
Os autores subliñan que, aínda que se trata dun estudo piloto, os resultados xustifican a realización de novos estudos clínicos a maior escala que confirmen estes achados e avalíen a súa posible aplicación clínica.
Referencia:
