José Ramón González Juanatey, investigador do CiMUS da USC, candidato a presidir a Federación Mundial do Corazón
Foi designado polo Comité de Nomeamentos da WHF xunto co chinés Junbo Ge.

O investigador principal do CiMUS da USC José Ramón González Juanatey disputará co chinés Junbo Ge a presidencia da Federación Mundial do Corazón (WHF) no vindeiro outono. Está en xogo a dirección do principal organismo encargado de impulsar a visión dunha «saúde cardiovascular para todas as persoas».
O Dr. González Juanatey foi proposto pola Sociedade Europea de Cardioloxía co apoio da Sociedade Española de Cardioloxía e da Sociedade Interamericana de Cardioloxía para dirixir a principal institución mundial do corazón.
González Juanatey representa unha lideranza europea e occidental, de carácter clínico-asistencial, baseada nun sistema sanitario capaz de integrar hospitais e atención primaria, co obxectivo de garantir a continuidade asistencial, así como a prevención, a calidade, a investigación clínica e a planificación pública. A WHF elixiuno membro do seu consello directivo, e o seu perfil académico sitúao como exxefe de Cardioloxía do CHUS, catedrático da USC, expresidente da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) e autor de máis de 700 publicacións científicas. Actualmente é tamén Delegado da Reitora da Universidade de Santiago para a Área de Ciencias da Saúde. Trátase dunha figura internacional da cardioloxía e dun firme defensor dun sistema público baseado na prevención, a transparencia e a accesibilidade para as persoas máis vulnerables.
A súa liña máis característica é a dunha cardioloxía conectada coa atención primaria. Xa desde a SEC defendeu procesos asistenciais compartidos entre atención primaria e cardioloxía, nos que a prevención, a detección precoz, os coidados crónicos e a rehabilitación forman parte dun mesmo itinerario asistencial. No World Heart Summit 2025 participou nunha sesión centrada no papel da atención primaria fronte ás enfermidades cardiovasculares, con especial énfase na farmacoterapia, a adherencia aos tratamentos, a accesibilidade e a integración asistencial.
A misión da Federación Mundial do Corazón
A actuación da WHF estrutúrase arredor de cinco grandes principios. O primeiro é o coidado, entendido como o compromiso de combinar coñecemento científico, experiencia clínica e sensibilidade humana en favor do benestar das persoas pacientes. O segundo é a equidade, que procura garantir o acceso ao coñecemento, á atención sanitaria e aos tratamentos cardiovasculares con independencia da situación económica ou do lugar de residencia. A organización reivindica tamén o valor da comunidade, promovendo a colaboración entre profesionais, institucións e organizacións de pacientes a escala global. A isto súmase o principio de integridade, baseado na transparencia, na lideranza ética e no rigor científico e, finalmente, a aspiración, entendida como a vontade de innovar, explorar novas solucións e promover un impacto transformador na saúde cardiovascular mundial. Estes valores constitúen o marco de referencia sobre o que se desenvolve a actual elección á presidencia da Federación Mundial do Corazón.
