Ir o contido principal
Divulgación

José Ramón González Juanatey: "Promover o interese da sociedade pola ciencia debe traducirse nun maior apoio á investigación de calidade e contribuír a crear a sensibilidade necesaria para lograr que investigar sexa unha responsabilidade de todos"

Por que o CiMUS debe abrirse á sociedade con actos como este?

Un centro de investigación de excelencia como o CiMUS da USC debe orientarse, ademais de xerar coñecemento coa máxima traslacionalidade aos pacientes, a promover a nivel social o coñecemento das súas actividades. Promover o interese da sociedade pola ciencia que se debe traducir nun maior apoio á investigación de calidade e, en certa medida, contribuír a crear a sensibilidade necesaria para lograr que investigar sexa unha responsabilidade de todos. Non é só abrirse á sociedade, é integrar a sociedade na súa actividade.

 

Interese por parte do público

Sempre hai un grande interese pola prevención das enfermidades cardiovasculares. Cun bo estilo de vida e control dalgúns factores de risco como tabaquismo, hipertensión, colesterol, obesidade, etc. é posible previr máis do 80% das enfermidades cardiovasculares prematuras.

 

Como perciben a ciencia os máis novos? Como chegamos a eles/as? Como conseguimos espertar vocacións?

Estamos ante as xeracións de xente nova máis preparadas da historia, cun alto compromiso social que debe traducirse tamén con dedicación e compromiso coa investigación entendida como a xénese de coñecemento para promover saúde e lograr solucións á enfermidade dentro dun sistema de medicina público que debe promover o acceso á medicina de excelencia con independencia do teu nivel socio-económico e procedencia social.

 

Retos e próximos pasos en investigación en enfermidades cardíacas

O maior reto é lograr que o que sabemos hoxe, en termos de prevención e tratamento das enfermidades, se aplique. Educar en saúde, en especial ás xeracións máis novas, é quizais o maior reto que temos na actualidade.

 

Ligazón de acceso a súa charla en Ciencia Singular: https://n9.cl/borpm