Ir o contido principal
Científica

Mabel Loza, directora do CiMUS, Medalla Galicia de Investigación 2026 na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde

  • A distinción outorgada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece a traxectoria singular e consolidada de cinco científicos e científicas galegos das universidades de Santiago e Vigo, ademais de fomentar a promoción da ciencia e da tecnoloxía galegas
  • A RAGC valora a “súa extraordinaria contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos do sector”
     

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos das universidades de Santiago e Vigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro en Santiago.  

 

O equipo dirixido por Mabel Loza descubriu 17 novos medicamentos, entre eles un fármaco oral para a COVID-19

A directora do CiMUS da USC, Mabel Loza García, recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC “pola súa extraordinaria contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector”. É catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Tralo seu paso polo Mount Sinai Medical Center de Nova York), a partir de 1998 orientou a súa traxectoria científica cara á farmacoloxía aplicada ao descubrimento de fármacos. Ten liderado un centenar de proxectos e promovido máis de 60 contratos de colaboración público privada coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Deste esforzo derívanse 17 novos medicamentos que alcanzaron ensaios clínicos con pacientes, incluído o reposicionamento recente dun fármaco oral para o tratamento da COVID 19. Entre 2020 e 2025 o seu grupo captou un financiamento superior aos 17 millóns de euros. A súa produción inclúe 19 patentes e a cofundación de catro empresas biotecnolóxicas. É membro do comité de coordinación da Plataforma Tecnológica Española de Medicamentos Innovadores (Farmaindustria). Destaca a súa cooperación científica con máis de 120 entidades de todo o mundo.

«A investigación farmacolóxica orientada ao descubrimento de fármacos é, pola súa propia natureza, multidisciplinar e translacional. Esta característica fai que a súa avaliación resulte especialmente complexa, pois esixe avaliar a integración de coñecementos, metodoloxías e esforzos procedentes de diversas áreas científicas. Agradezo sinceramente que este ámbito de investigación fose considerado e recoñecido con esta distinción. Ao mesmo tempo, son plenamente consciente de que ningunha traxectoria científica neste ámbito se constrúe en solitario: desexo, polo tanto, facer extensivo este recoñecemento ao meu equipo e a todos os colaboradores que me acompañaron ao longo dos anos, cuxa contribución foi fundamental nos proxectos e logros que definiron a miña traxectoria profesional», manifesta Mabel Loza.

 

Rosa Crujeiras, Francisco Rivadulla, Sebastián Villasante e Leandro Alejano, os outros galardoados

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago Rosa Crujeiras Casais, actual reitora da USC, “pola súa traxectoria investigadora con contribucións de referencia internacional no campo da Estatística e cuxo traballo deu lugar a importantes avances metodolóxicos”.

A medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía recaeu en Francisco Rivadulla Fernández, catedrático de Química Física da Universidade de Santiago e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, onde está á fronte do Laboratorio de Química da Materia Condensada. A Academia recoñece “o seu xeito orixinal de abordar a investigación no campo dos materiais, deseñando materiais funcionais dende unha aproximación global, que implica a súa síntese a escala nanométrica e a súa caracterización estrutural, magnética e de transporte, mediante técnicas non convencionais concibidas no propio laboratorio”.

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais (Política, Socioloxía e Psicoloxía Social), recoñece a Sebastián Villasante Larramendi, profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), “por converter a Galicia nun referente internacional no estudo da economía dos océanos e a sustentabilidade mariña”.

Leandro Alejano Monge, catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas por ser “unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional”.