Ir o contido principal
Científica

Máis dunha trintena de estudantes achéganse ás novas tendencias en biomedicina de man do CiMUS

  • Conclúe o Curso de Verán da USC con gran éxito de asistentes e relatores 

Máis dunha trintena de participantes puideron aproximarse durante cinco días no CiMUS da USC aos últimos achados en biomedicina de man de referentes neste campo, entre os que se atopaban unha ducia de investigadores deste Centro Singular, que compartiron programa con especialistas doutros centros como o CIQUS, INCIFOR, CBMSO, IBEC, CNIC ou CSIC, para abordar os avances máis recentes no entendemento das bases biolóxicas das enfermidades de importancia global como o cancro ou a obesidade, os avances na medicina molecular e na xenómica, os mecanismos celulares e moleculares do envellecemento, os modelos animais, as células nai ou a edición xenética e as súas aplicacións.

"A investigación biomédica é un ámbito en constante avance e que require dunha permanente actualización", así o sinalan os organizadores do curso New Trends in Biomedicine, Anxo Vidal e Manuel Collado, ambos os dous investigadores do CiMUS, encargados de coordinar este Curso de Verán que chegou ao seu final con gran éxito de asistentes e relatores.  Cóntano máis en profundidade nas entrevistas que se recollen a continuación.  
 


Entrevista a Anxo Vidal

Cales foron as principais novidades desta edición?

Trátase dun curso que se celebra cada dous anos e que vai xa pola súa terceira edición. En cada unha delas tentamos introducir as temáticas de maior actualidade ese ano, impartidas por relatores tanto do CiMUS como doutros centros de investigación referentes a nivel nacional.

Por que eses temas e non outros?

En cada edición procuramos deseñar un programa equilibrado no que teñan cabida tanto temas de investigación básica como aplicada, así como enfermidades de diferente índole como metabólicas, xenéticas, neurolóxicas...; incorporando aquelas que están a ter unha maior repercusión na sociedade.

Como xurdiu a oportunidade de organizar este Curso de Verán?

Xurdiu dunha colaboración con Manuel Collado, naquel momento investigador IDIS, que hoxe forma parte tamén do CiMUS como investigador principal, co que se buscaba cubrir a actualidade máis recente en biomedicina para todos os niveis de formación posibles. Detectamos que este curso era de grande interese para a Comunidade científica e tamén para os estudantes de último curso das carreiras de Ciencias.

Que valoración fai desta edición?

Estamos moi satisfeitos, tanto polo nivel dos relatorios, que agradecemos a todos os relatores que aceptan participar neste curso, como pola acollida que ten a nivel de participación, con trinta e cinco asistentes de formacións e niveis moi diversos. Acompañáronnos profesionais que xa concluíron a súa carreira, pero tamén novos estudantes de bacharelato que aínda non a empezaron. É moi gratificante ver o interese que suscita e a boa acollida que ten cada edición.  
 

 


Entrevista a Manuel Collado

Cal é o perfil dos asistentes a este curso?

Son perfís bastantes heteroxéneos. Moitos deles son estudantes dos últimos anos de grao ou que se atopan xa cursando a etapa de Máster, ben próximos ao campo da biomedicina (estudantes de bioloxía, biotecnoloxía, farmacia...) pero tamén asisten estudantes non tan próximos a esta realidade como poden ser alumnos de física.

Por que o título "Novas tendencias en Biomedicina"?

Con este título tratamos de amosar que a biomedicina é un campo en continua expansión e renovación. Con este curso buscamos achegar os estudantes a temáticas actuais que non están a ver nos seus plans formativos universitarios de man de referentes en cada un dos campos da biomedicina, a pé de investigación.  

Que novidades incorporarán na cuarta edición?

Cada edición buscamos traer a profesionais referentes tanto a nivel nacional como internacional que permitan achegar unha visión nova e próxima, que axude a complementar os coñecementos que se adquiren na Universidade. Especialistas que falen desde a realidade da investigación, contando os seus achados máis recentes, mesmo sen publicar, como chegaron a eles, os problemas que se atoparon. E así o faremos tamén na cuarta edición.