María José Alonso ingresa na Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina
- O seu discurso de ingreso como Académica Correspondente versou sobre "A nanotecnoloxía farmacéutica como protagonista da paradigma das terapias avanzadas"
A investigadora do CiMUS da USC María José Alonso ingresou onte como Académica Correspondente da Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina. No seu discurso de ingreso, presentado polo académico Marcelo Nacucchio, a profesora Alonso disertou sobre "A nanotecnoloxía farmacéutica como protagonista da paradigma das terapias avanzadas". Nunha cerimonia celebrada en formato virtual, recibiu as súas distincións de man da presidenta da Academia, Virginia Martino.
María José Alonso afirmou que esta elección "é unha gran honra que quero agradecer á Academia e a todos aqueles que me apoiaron ao longo da miña carreira".
A elección para a Academia arxentina supón un novo recoñecemento á destacada traxectoria da profesora Alonso por parte de institucións científicas internacionais, tras a súa elección como membro da Academia Nacional de Medicina dos Estados Unidos en 2016, do prestixioso College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) en 2017, do College of Fellows da Controlled Release Society (CRS) en 2018, e da Real Academia de Medicina de Bélxica en 2021. É, ademais, membro da Real Academia Nacional de Farmacia, da Real Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias.
Traxectoria investigadora
María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela (USC). De 2006 a 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Traballou como científica visitante na Universidade de Paris XI, (1986-87), na Universidade de Angers, Francia (1989) e no MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.
O seu laboratorio (http://www.usc.es/grupos/mjalonsolab/), pioneiro en España no ámbito da Nanotecnoloxía Farmacéutica, ten máis de 3 décadas de experiencia na formulación de fármacos biolóxicos e vacinas. Nas últimas dúas décadas destacou especialmente no desenvolvemento de candidatos a nanomedicamentos baseados en anticorpos monoclonais, así como de vacinas e terapias consistentes en RNA. O seu campo de aplicación vai desde as enfermidades infecciosa e autoinmunes, ao cancro e enfermidades neurodexenerativas.
María J. Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea, e participado en 16 proxectos internacionais. Con máis de 310 publicacións científicas, é a autora máis citada en España na área de Farmacia e Farmacoloxía (índice H 103) e estivo entre os TOP TEN en Farmacoloxía (ranking internacional Times Higher Education, 2010). Tamén figura na Power List dos investigadores máis influíntes no campo da Biofarmacia (The Medicine Maker, 2020). Así mesmo, foi moi activa transferindo os seus coñecementos á industria. É inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria, e é parte de 2 start-up.
Traballou na Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, sendo a súa presidenta entre 2017-2019. Tamén é editora en xefe de Drug Delivery and Translational Research, unha revista oficial da CRS, e forma parte do consello editorial de 12 revistas científicas.
Recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Investigación "Juan de la Cierva", así como a "Medalla á Excelencia en Investigación e Educación" outorgada polo Goberno de España, o "Premio Jaime I", a Medalla "Castelao" que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas.
É membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e Fellow da Controlled Release Society; membro de dúas academias en Galicia; da Real Academia de Farmacia de España (RANF); da Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina; da Real Academia de Medicina de Bélxica, e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de EE.UU. (NAM).