Metodoloxía pioneira nos fármacos para enfermidade inflamatoria intestinal
- Investigadores do CiMUS da USC e do IDIS proban en modelos animais unha nova metodoloxía para avanzar no deseño de medicamentos para enfermidades autoinmunes.
- A utilización de tecnoloxías de imaxe molecular, como o PET, xa empregadas na rutina médica, abre a porta a posibles aplicacións clínicas destes fármacos.
- O estudo vén de ser publicado na prestixiosa revista científica International Journal of Pharmaceutics.
A Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII), entre as que se atopan a colite ou a enfermidade de Crohn, afecta en España ao 1 % da poboación, e a actual tendencia á alza fará que, nos próximos cinco anos, unha de cada 100 persoas a padeza. O fármaco adalimumab é un medicamento biolóxico amplamente utilizado para tratar este tipo de enfermidades autoinmunes. Agora, unha colaboración do CiMUS e da Facultade de Farmacia da USC e do IDIS liderada por Pablo Aguiar, Francisco Javier Otero Espinar e Anxo Fernández Ferreiro, centrándose neste fármaco, vén de descubrir unha metodoloxía pioneira que abre a porta ao deseño de novos medicamentos para o tratamento da EII. O uso de tecnoloxías de imaxe molecular como a tomografía por emisión de positróns (PET), habituais xa na práctica médica, posibilita un maior achegamento ás fases clínicas. O traballo foi publicado recentemente na revista International Journal of Pharmaceutics.
Fases clínicas
Os investigadores do CiMUS traballaron neste estudo con modelos animais de EII que se empregan no desenvolvemento de novos fármacos en fases preclínicas, xusto antes de iniciar os ensaios clínicos en pacientes. “O máis significativo desta novedosa metodoloxía podería ser de utilidade para laboratorios farmacéuticos que pretenden mellorar o deseño dos seus fármacos, tanto en fase preclínica como incluso clínica, xa que aplicamos as mesmas tecnoloxías de imaxe molecular que se están empregando xa nas rutinas médicas”, explica Jessica Codesido, primeira asinante do artigo.
Como se administra e o seu nivel de inflamación no corpo, claves
A metodoloxía consiste, en primeiro lugar, no marcaxe radiactivo do adalimumab, e posteriormente, no seguimento en tempo real da cinética do fármaco dentro do corpo mediante técnicas de imaxe molecular, en concreto, a tomografía por emisión de positróns.
“Traballamos especificamente no caso da enfermidade inflamatoria intestinal, e estudamos como se distribúe este principio activo cando se administra por vía intravenosa e subcutánea. Tamén estudamos como afectan a esta distribución do fármaco os diferentes niveis de inflamación que poden estar presentes en diferentes situacións”, segundo expón a investigadora do CiMUS Jessica Codesido. Os resultados do estudo mostran que a cantidade de adalimumab que alcanza o colon é altamente dependente da vía de administración e do nivel de inflamación, sexa sistémica ou local.
En conclusión, a vía pola que se administra o adalimumab e o nivel de inflamación no corpo determinan enormemente a cantidade de fármaco que chega ao colon. O uso nesta novedosa metodoloxía podería axudar no deseño e na optimización de novos fármacos a nivel preclínico, co obxectivo de dispoñer de fármacos para pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal que se dirixan de forma máis eficaz e específica ao colon, aumentando así a súa eficacia.