Ir o contido principal
Científica

Nace NOSEVAC, o consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais no que participa o CiMUS da USC

  • Os grupos do CiMUS da USC liderados por Noémi Csaba e María José Alonso avanzan nos innovadores enfoques que propón o proxecto dirixido a evitar infeccións respiratorias de alta prevalencia
  • Con unha duración de cinco anos, o consorcio conta coa colaboración de equipos singulares de seis países da Unión Europa, Reino Unido e Suíza 

As infeccións respiratorias bacterianas e virales contribúen significativamente á morbilidad e mortalidade global. Patóxenos causantes de enfermidades como a tosferina, a pneumonía, a gripe ou o COVID-19 teñen importantes implicacións para a saúde pública. Para combater esta problemática desde etapas temperás da infección creouse o consorcio europeo NOSEVAC, no que participa de maneira activa o CiMUS da USC a través dos grupos que dirixen Noémi Csaba e María José Alonso.

Nosevac consorcioDurante o próximos cinco anos, o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver dúas vacinas nasais bivalentes para previr o COVID-19.

"Ata o momento, as vacinas dispoñibles contra estas enfermidades adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non preveñen eficazmente a colonización do trato respiratorio superior", explica a investigadora do CiMUS da USC, Noémi Csaba. En consecuencia, o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado.

Previr a enfermidade desde a orixe

O consorcio NOSEVAC, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá de infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior. O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por 12 socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento das seguintes candidatas a novas vacinas nasais:

- Desenvolver formulacións de vacinas para a administración nasal de antígenos baseados en ARN e proteínas
- Descubrir antígenos bacterianos que favorecen a colonización do epitelio respiratorio
- Identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo contra as bacterias ou virus
- Abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral
 

Influír nas decisións políticas

NOSEVAC, que conta cun financiamento de algo máis de 11 millóns de euros (case sete deles da UE), prevé establecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios, que abarquen aqueles con potencial para grandes brotes. "Ademais, conclúe a investigadora do CiMUS da USC, a organización servirá como catalizador para a toma de decisións baseada en evidencia científica, tanto para a abordaxe de medidas políticas como para grupos investidores que poidan financiar os custos destas novas estratexias terapéuticas".