Ir o contido principal
Científica

Nace ReguNET, un consorcio europeo que busca novos fármacos para enfermidades sen tratamento como certos tipos de cancro, trastornos neurolóxicos ou afeccións hepáticas e infecciosas

•    Liderada desde o CiMUS da USC, trátase dunha iniciativa pioneira en formación científica que financiará, con preto de tres millóns de euros durante catro anos, os proxectos de 11 doutorandos de diversos países do mundo.

•    Coordinada desde o centro singular por Ashwin Woodhoo, investigador distinguido contratado polo programa Oportunius da Xunta de Galicia, os beneficiarios das bolsas incorporaranse en setembro aos seus respectivos centros de traballo, desde universidades, institutos de investigación ou empresas de alto perfil.

 

Identificar novos obxectivos farmacolóxicos en enfermidades intratables como certos cancros, trastornos neurolóxicos, hepáticos ou enfermidades infecciosas é a finalidade da rede de doutoramento Marie Sklodowska-Curie “RBP ReguNET: deconstrucción e recableado de redes reguladoras de ARNS-RBP”. Trátase dun consorcio europeo, coordinado desde o CiMUS da USC por Ashwin Woodhoo, investigador distinguido contratado a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia. A rede persegue aproveitar os novos descubrimentos en bioloxía da proteína de unión ao ARN (RBP) para tentar atopar novas vías terapéuticas.

Buscando a nova xeración de investigadores europeos

Un total de 11 doutorandos de todo o mundo foron seleccionados para comezar o desenvolvemento dos seus proxectos o próximo mes de setembro nos diferentes centros de traballo. Desde universidades, institutos singulares de investigación ou empresas de alto perfil científico-tecnolóxico darán cobertura, durante catro anos, ao desenvolvemento integral dos proxectos, tanto desde o punto de vista teórico como práctico e cun enfoque multidisciplinar que abarca desde a bioloxía computacional, estrutural, molecular e celular ata a química médica e detección farmacolóxica. “Trátase dun programa moi completo que busca proporcionar unha capacitación científica avanzada que dea lugar a un ecosistema da nova xeración de investigadores en Europa”, sinala o coordinador da Rede, Ashwin Woodhoo.

Tamén desde o centro singular da USC coordinarase o proxecto sobre a enfermidade hepática colestásica por parte de Marta Varela Rey, investigadora distinguida Sergio Vidal. O liderado compostelán complementarase ademais coas achegas da directora do CiMUS, Mabel Loza, a través da Fundación Kaertor.

Ademais da USC, outras oito universidades e centros de investigación pioneiros en Europa están representados en RBP ReguNET: o Centro de Regulación Xenómica, de España, o Instituto Curie (Francia), o Instituto Sanquin (Países Baixos), a Universidade de Glasgow (reino Unido), o EMBL (Alemaña), as universidades italianas de Trento e Milán e a empresa biotecnolóxica IMMAGINA BIOTECHNOLOGY de Italia.

A formación do consorcio RBP-ReguNet, coa súa selección de estudantes de doutoramento con talento e os esforzos de colaboración de institucións líderes en toda Europa, demostra un forte compromiso para abordar os desafíos que presentan as enfermidades non tratadas. Cunha visión ambiciosa e un enfoque multidisciplinar, este consorcio pretende impulsar a innovación científica para, en última instancia, achegar novas opcións de tratamento e dar esperanza aos pacientes que actualmente carecen de terapias eficaces.