Ir o contido principal
Científica

"No CiMUS atopo un ecosistema integral ideal para facer investigación"

Cóntao nesta entrevista a nova IP deste Centro Singular da USC, Alba Vieites Prado, encargada de liderar o novo grupo de investigación Brain Plasticity. Vieites pon en valor a colaboración interdisciplinar entre grupos e áreas de coñecemento afíns, tan instalada no CiMUS, e salienta o seu entorno científicamente estimulante, ademais do acceso que brinda este Centro a infraestruturas punteiras. Atraída pola Neurociencia desde a súa xuventude, a nova IP lembra que o  gran reto inmediato no campo da plasticidade cerebral é determinar canto ten de estable ou de dinámica esta conectividade cerebral ó longo da vida. "Unha vez coñezamos o potencial plástico real do cerebro, poderemos desenvolver estratexias para modular este dinamismo en beneficio da saúde, potenciando ou limitando a plasticidade segundo sexa necesario", sinala. 

 

Como investigadora Ramón e Cajal neste centro, que vantaxes e fortalezas atopa no CiMUS para os investigadores novos como vostede?

Foto: Alejandro González (CiMUS)

Para alguén coma min, incorporarse ó CiMUS implica moitas vantaxes. Supón traballar nun entorno científicamente estimulante, rodeada de persoal técnico e administrativo especializado e con acceso a infraestruturas punteiras. O CiMUS reúne grupos competitivos a nivel internacional en disciplinas moi diversas, o que, como novo IP che aporta referentes e tamén seguridade para establecer colaboracións máis alá da zona de confort das túas liñas de traballo. Ademais, a gran cantidade de seminarios con relatores externos que alberga o centro, fomentan a actualización e creación de novas redes de colaboración. En resumo, un ecosistema ideal para facer investigación.  

 

Que lle atraeu da neurociencia para especializarse neste campo? Que destacaría da súa estancia no equipo de Nicolas Renier no Instituto do Cerebro de París?

A Neurociencia atraeume dende adolescente. Entender como unha rede de células nos conecta co mundo que nos rodea a través da percepción, xenerando procesos cognictivos ou comportamentos axeitados a cada situación, paréceme incrible.

Os meus anos no laboratorio de Nicolas Renier foron moi positivos. Destácoo todo: un IP científicamente brillante, que me deu apoio á vez que independencia e confianza dende o primeiro ata o último momento. Un instituto de referencia na investigación en Neurociencias. E ademáis, acceso ilimitado a recursos materiais e de persoal de apoio. Foi unha oportunidade única, e aproveiteina ó máximo.

 

Que supón para vostede poñer en marcha e coordinar o novo Laboratorio de Plasticidade Cerebral do CiMUS?

Supón ver cumprida unha das ilusións máis grandes da miña vida profesional, á vez que un gran reto, todo hai que dicilo. 

 

Que é e que supón a plasticidade cerebral?

A plasticidade cerebral pode definirse coma o conxunto de mecanismos polos que o cerebro se adapta ós cambios. Así, os mecanismos de plasticidade cerebral son responsables da aprendizaxe e memoria, da capacidade de recuperación tras unha lesión no sistema nervioso, da adaptación a cambios profundos na experiencia vital (perda de órganos sensoriais, lesións motoras ou incluso cambios nas relacións sociais e afectivas). Coñecer estes mecanismos e saber como se regulan pode abrir novas portas para o tratamento de enfermedidades do neurodesenvolvemento, trastornos psiquiátricos ou enfermedades neurodexenerativas. 

 

Para desvelar as características e os reguladores moleculares de plasticidade cerebral en contextos fisiolóxicos variables, obxectivo principal do seu laboratorio, cales serán, por tanto, as principais vías de estudo do seu grupo?

Empregaremos métodos variados que nos permitan manter unha visión integradora dos procesos plásticos. As principais técnicas, e máis novidosas, serán o uso de métodos de histoloxía 3D, cos que identificaremos onde e cando se producen eventos de plasticidade a escala do cerebro completo. Ademais, empregaremos métodos de transcriptómica espacial e estudos de comportamento, que nos permitirán caracterizar os cambios na expresión xénica, e correlacionar a plasticidade con cambios comportamentais respectivamente.  

 

Que papel xoga a tecnoloxía 3D e as ferramentas bioinformáticas no estudo das características cerebrais?

O cerebro é un órgano tremendamente complexo. Un mesmo núcleo, anatómicamente homoxéneo, pode conter múltiples subpoboacións neuronais con características transcripcionais, neuroquímicas, ou de conectividade completamente distintas. Esto fai que sexa moi difícil cuantificar efectos biolóxicos no cerebro usando métodos clásicos de histoloxía en 2D, onde a miúdo perdemos parte da información, ou onde é difícil asegurar que estás comparando exactamente as mesmas neuronas entre sección de animais distintos. A tecnoloxía 3D permítenos estudar as características das poboacións neuronais coma un todo e preservando o seu contexto espacial, permitíndonos comparar de forma robusta os resultados entre distintos animais e grupos experimentais. 

 

Que novos retos se presentan no campo da plasticidade cerebral? 

Agora mesmo estamos na época dourada da conectividade cerebral. O desenvolvemento de métodos para visualizar o cerebro en 3D con resolución subcelular (microscopía electrónica en 3D, serial 2-photon, light-sheet), levou a que nos últimos anos se plantexasen grandes proxectos internacionais para describir a conectividade do cerebro. Aínda que pareza mentira, só temos idea dos grandes patróns de conectividade que supoñen os grandes tractos cerebrais, e os estudos de microscopía están revelando que a complexidade da conectividade neuronal é moito maior do que se pensaba. O gran reto inmediato no campo da plasticidade cerebral é determinar canto ten de estable ou de dinámica esta conectividade ó longo da vida. Durante moitos anos asumiuse que a conectividade (e estructura en xeral) do cerebro adulto era fixa, sen embargo, é moi posible que simplemente non tivésemos os métodos axeitados para vela. Unha vez coñezamos o potencial plástico real do cerebro, poderemos desenvolver estratexias para modular este dinamismo en beneficio da saúde, potenciando ou limitando a plasticidade segundo sexa necesario.

 

Cal é a relación entre a plasticidade cerebral e as enfermidades neurolóxicas?

Na maior parte dos casos non se coñece cal é a causa última das enfermidades neurolóxicas. Sen embargo, si que se sabe que pacientes diagnosticados cunha determinada patoloxía, poden evolucionar mellor ou peor. Estas diferencias débense en parte á variabilidade interindividual para levar a cabo procesos plásticos. Coñecer a base destas diferencias permitiranos deseñas estratexias terapéuticas para mellorar a evolución de todos os pacientes.

 

Pódese adestrar o cerebro para que se manteña funcional máis tempo?

En principio si, os circuítos cerebrais mantéñense e remodélanse ó longo da vida en función da actividade neuronal. Canto máis activo manteñamos o cerebro, cunha mestura de actividade cognictiva, vida social e actividade física, mellor envellecerá.

 

Como valora a colaboración interdisciplinar entre grupos e áreas de coñecemento afíns, tan instalada no CiMUS?

Paréceme perfecta. Atopei un ambiente moi acolledor dende que cheguei. Vexo moitas oportunidades de colaboración e xa teño varias propostas.

 

Retos xerais e obxectivos para o seu grupo a curto e medio prazo

Os obxectivos a curto prazo son atraer persoal e fondos para financiar contratos e implementar todas as técnicas centrais do laboratorio. A medio prazo o obxectivo é manter un ritmo de traballo estable, cun equipo motivado e que nos permita a todos disfrutar da investigación, xenerando coñecemento útil para a comunidade.

 

Que consellos daría a un/a investigador/a que está a iniciar a súa carreira científica?

Proactividade.  Ser investigador é, en certo modo, un luxo. Temos acceso ó coñecemento máis básico (potencialmente ó descubrimento), temos un día a día moi interesante e o potencial para mellorar a vida das persoas. Pero tamén é unha carreira dura. Así que diríalles que se informen activamente de en que consiste a carreira académica para definir os seus obxectivos. Que escollan activamente unha temática e ambiente que lles guste para disfrutar do día a día. E que manteñan a proactividade ó longo da carreira, porque lles vai a axudar a atraer oportunidades e a superar as eventuais dificultades.