Novo descubrimento do CiMUS da USC para combater o fígado graso non alcohólico
- O estudo demostra que as persoas con esta enfermidade teñen niveis elevados dunha proteína no fígado, que ata agora é coñecida porque desempeña un papel crucial na resposta inmunitaria do organismo ante as infeccións virais
- A investigación abre a porta a novas opcións terapéuticas para esta patoloxía, cuxa incidencia crece ano tras ano e cuxa prevalencia global estimada é do 30%
Investigadores do equipo do grupo Molecular Metabolism do CiMUS da USC, dirixidos por Rubén Nogueiras, acaban de descubrir unha nova diana relacionada con unha proteína implicada no desenvolvemento da enfermidade do fígado graso non alcohólico, unha patoloxía para a que non existe tratamento, que afecta xa ao 25% da poboación española e cuxa incidencia crece ano tras ano.
O traballo, que acaba de ser publicado na revista Hepatology, identificou unha nova diana na enfermidade hepática graxa asociada á disfunción metabólica ou MASLD (do inglés metabolic dysfunction-associeated steatotic liver disease).
Claro risco de enfermidade hepática
Diversos estudos demostraron que esta enfermidade se está convertendo nunha das causas máis importantes de enfermidade hepática en todo o mundo, cunha taxa de prevalencia global estimada de ao redor do 30%, o que supón un desafío importante para a saúde pública en todo o mundo.
MASLD caracterízase por acumulación de graxa no fígado (cun 5% de graxa é suficiente para clasificar o fígado como graso), e está estreitamente vinculada a trastornos metabólicos como a obesidade e a diabetes tipo 2. Esta enfermidade abarca desde a simple acumulación de graxa no fígado ata a esteatohepatite asociada metabólica (MASH), que pode progresar a cirrose e mesmo cancro de fígado. O aumento da prevalencia de MASLD tanto en países desenvolvidos como en subdesenvolvidos fixo que se converta na causa máis frecuente do carcinoma hepatocelular (CHC) e require transplante de fígado.
Proteína esencial tamén fronte a infeccións virais
"Este estudo demostra que as persoas con MASLD teñen niveis elevados dunha proteína chamada MAVS (proteína de sinalización antiviral mitocondrial) no fígado, que ata agora é coñecida porque desempeña un papel crucial na resposta inmunitaria do organismo ante as infeccións virais". Ademais, MAVS tamén está elevada no fígado de ratos alimentados con dieta rica en alimentos procesados, graxas saturadas, azucres refinados e carnes vermellas). "A inhibición de MAVS no fígado diminúe significativamente a acumulación de graxa, a inflamación e o dano neste órgano" indican as principais autoras da investigación, Eva Nóvoa e Natália Lima.
No contexto de MASLD, a inflamación desempeña un papel crucial, xa que a activación de certas vías promove a expresión de proteínas proinflamatorias, contribuíndo así á progresión da enfermidade. "Demostramos que a inhibición de MAVS provoca unha melloría da inflamación xa que diminúe os niveis de dúas proteínas inflamatorias?" explican. "Atopamos que este mecanismo é eficaz tanto en roedores como en células humanas de fígado, pero aínda queda moito ata saber se inhibir MAVS en persoas con MASLD pode ser unha terapia eficaz e segura", engaden as investigadoras. O que é obvio é que se necesita pór sobre a mesa diferentes opcións terapéuticas, porque ata agora non existe un tratamento para MASLD, e a incidencia desta enfermidade crece ano tras ano.
Este estudo é froito do traballo das investigadoras Eva Nóvoa Deaño e Natália Lima do grupo Metabolismo Molecular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), coordinado por Rubén Nogueiras Pozo e na que participaron equipos de investigación do CiMUS (Miguel López, Marta Varela-Rei e Carlos Diéguez), así como grupos da Universidade do País Vasco, CIC bioGUNE (Bilbao), Universidade de Ámsterdam, Universidade de Navarra, Universidade de Lille (Francia) e Universidade de Lübeck (Alemaña).