Ir o contido principal
Científica

O BCBL compartiu no CiMUS da USC o seu modelo de excelencia científica

O Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL), un dos centros internacionais de referencia na investigación interdisciplinar sobre cognición, cerebro e linguaxe, compartiu na xornada de hoxe no CiMUS da USC a súa experiencia en excelencia científica, xestión e posicionamento internacional. Fíxoo nunha sesión dedicada a analizar a súa traxectoria, o seu modelo organizativo e as estratexias que contribuíron a consolidar o seu posicionamento a nivel mundial.

Durante o encontro, co-organizado por CiMUS e CiQUS, e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Fondos FEDER Galicia (2021-2027), o director científico e a xerente do BCBL presentaron a visión científica do centro, a súa estrutura de xestión e a evolución institucional desde a súa fundación en 2008 en Donostia-San Sebastián. A sesión abordou tamén a experiencia do centro nos procesos de acreditación de excelencia da Alianza SOMMa (Severo Ochoa e María de Maeztu), un recoñecemento que distingue algunhas das institucións científicas máis destacadas do sistema de I+D en España.

O encontro, ao que asistiron centros pertencentes á Rede CiQUS, ofreceu unha oportunidade para coñecer de primeira man como un centro de investigación de referencia deseña a súa estratexia científica, organiza a súa estrutura de xestión e participa en redes nacionais e internacionais de excelencia. A sesión estivo dirixida principalmente a perfís de dirección e xestión de centros de investigación, aínda que tamén espertou interese entre investigadores principais e líderes de grupo interesados na planificación estratéxica, na gobernanza científica e nos procesos de acreditación de excelencia.

Pé de foto: De esquerda á dereita: Martín Fañanás, director adxunto do CiQUS; Almudena Hospido, próxima Vicerreitora de Investigación da USC; José Luis Labandeira e Mabel Loza, directores do CiMUS;  Ana Fernández, xerente do BCBL;  Irene Bonome, subdirectora da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Manuel Carreiras, director do BCBL; Diego Peña, director do CiQUS e Dolores Pérez, ex-directora adxunta do CiQUS.