O CiMUS achega o seu novo proxecto de investigación en diabetes tipo 1 no marco de Diabetes Evolution 2023
- Faino de man da súa investigadora Iria Gómez Touriño quen acaba der ser recoñecida pola Juvenile Diabetes Research Foundation (JDRF) de EEUU cun Career Development Award, unha das convocatorias máis competitivas a nivel internacional no campo da diabetes tipo 1.
- Este proxecto busca avanzar no coñecemento dos mecanismos que provocan esta enfermidade, empregando novas técnicas moleculares e de secuenciación, propondo unha explicación alternativa ás causas que subxacen ao proceso autoinmunitario que caracteriza esta patoloxía.
Diabetes Evolution 2023, organizado polo Servizo Galego de Saúde e a Fundación de Endocrinoloxía e Nutrición Galega, reuniu de novo este pasado sábado 11 de novembro na Coruña a profesionais sanitarios e pacientes con diabetes de Galicia para analizar e reflexionar sobre a situación actual, os avances e os retos na abordaxe desta enfermidade. Todo co obxectivo de ter máis coñecemento e conseguir máis concienciación sobre este trastorno na comunidade.
O CiMUS tamén quixo achegar a este evento o seu compromiso coa investigación en diabetes de man da súa investigadora Iria Gómez Touriño quen representou como relatora a este Centro Singular da USC, afondando, na súa intervención, na investigación en diabetes 1 en Galicia.
A investigadora que acaba de ser recoñecida pola Juvenile Diabetes Research Foundation (JDRF) de EEUU cun Career Development Award, unha das convocatorias máis competitivas a nivel internacional no campo da diabetes tipo 1, financiado con 1.000.000$ durante os próximos 5 anos, achegou aos asistentes o seu novo proxecto neste campo. Este proxecto, que levará a cabo no CiMUS, busca avanzar no coñecemento dos mecanismos que provocan esta enfermidade, empregando novas técnicas moleculares e de secuenciación, propondo unha explicación alternativa ás causas que subxacen ao proceso autoinmunitario que caracteriza esta patoloxía.