O CiMUS celebra o Día do ADN cunha charla inaugural do Dr. Ángel Carracedo e unha mesa redonda con destacados investigadores.

Con motivo do Día do ADN (25 de abril), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela organiza unha xornada especial dedicada á divulgación científica e aos avances en xenómica.
O acto terá lugar o próximo 25 de abril no auditorio do CiMUS, e comezará ás 11:00 h cunha charla inaugural a cargo do Prof. Ángel M. Carracedo, un dos xenetistas máis recoñecidos a nivel internacional. A súa intervención, titulada "Do Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma de Galicia", abordará o camiño percorrido desde os primeiros mapas xenéticos globais ata as actuais iniciativas para estudar o xenoma da poboación galega, con implicacións directas en saúde e medicina personalizada.
Tras a conferencia, celebrarase unha mesa redonda que contará coa participación do propio Dr. Carracedo, e dos investigadores principais do CiMUS o Dr. José M. Tubío e o Dr. Miguel G. Blanco. O encontro será moderado polo tamén investigador principal Dr. Ricardo Villa-Bellosta, quen ademais coordina a organización do evento.
Con este acto, o CiMUS reafirma o seu compromiso coa investigación de excelencia e a divulgación científica, convidando a toda a comunidade universitaria e ao público xeral a reflexionar sobre o impacto da xenética nas nosas vidas.
O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02) que acredita a calidade e impacto da súa investigación e está «subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e «co financiado pola Unión Europea».
