Ir o contido principal
Divulgación

O CiMUS conmemora o 8M cunha sesión de cine e diálogo sobre referentes femininos en ciencia

O CiMUS acolleu onte 9 de marzo unha actividade divulgativa con motivo do Día Internacional da Muller, organizada polo Comité de Diversidade, Equidade e Inclusión do centro. A iniciativa reuniu a personal investigador, estudantes e público interesado da Universidade de Santiago de Compostela no Theatre Room do centro para participar nesta sesión especial de ciencia e cine.

A xornada comezou coa presentación de Noemi Csaba, presidenta do Comité de Diversidade, Equidade e Inclusión do CiMUS, seguida dunha breve introdución a cargo das profesoras Saray Busto Ulloa (Matemática Aplicada), Mercedes Conde Amboage (Estatística e Investigación Operativa) e Elena Vázquez Cendón (catedrática de Matemática Aplicada), quenes contextualizaron a historia e destacaron a importancia de recoñecer a contribución das mulleres no desenvolvemento científico e tecnoloxíco. 

A continuación, se proxectouse a película Hidden Figures en versión orixinal subtitulada. O filme narra a de Katherine Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson, tres matemáticas afroamericanas que desenvolveron un papel clave na carrera espacial estadounidense nos anos sesenta, pese a se enfrontaren a importantes barreiras sociais e profesionais. 

Tras a proxección, as persoas asistentes participaron nun espazo aberto de conversación coas profesoras convidadas, no que se reflexionou sobre a representación das mulleres na ciencia, os retos históricos e actuais en materia de igualdade e o valor de referentes femininos en disciplinas STEM. O encontro concluíu cun aperitivo informal, que permitiu continuar o diálogo nun ambiente distendido.

Con iniciativas como esta, o CiMUS reforza o seu compromiso coa promoción da igualdade, a diversidade e a visibilización do papel das mulleres na ciencia, así como coa organización de actividades que acheguen a investigación biomédica e a cultura científica á sociedade.

Sobre o CiMUS

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de “Mecanismos Moleculares” e o “Integrativo Traslacional”. Estes programas conectan o coñecemento fundamental das enfermedades crónicas cun alto impacto na sociedade coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxias con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. 

O centro conta actualmente cunha dobre acreditación de excelencia a nivel rexional e nacional. Por unha banda, recibiu o recoñecemento CIGUS por parte da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación. Este recoñecemento está financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027. Doutra banda, o centro foi distinguido hai case un ano coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
 

De esquerda a dereita: Noemi Csaba, Sara Busto Ulloa, Mercedes Conde Amboage, Elena Vázquez Cendón, José Antonio Costoya Puente, Isabel Ben Batalla, Carmen Rodríguez Seoane e Alejandro González García.