O CiMUS da USC abre as súas portas ao conxunto da sociedade nunha nova edición de Ciencia Singular
- Os talleres de Ciencia Divertida e as charlas e obradoiros divulgativos serán un ano máis os atractivos desta xornada que busca achegar a ciencia á sociedade e espertar vocacións científicas
Por sétimo ano consecutivo o CiMUS da USC celebrará unha nova edición de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
A retransmisión en directo das charlas divulgativas a través da canle de Youtube do Centro combinarase un ano máis coa asistencia presencial para poder coñecer de primeira man algunhas das novidades científicas máis familiares. Pequenos, novos e adultos poderán participar nos talleres de Ciencia Divertida, as charlas e sesións de divulgación, visitar como novidade este ano o recentemente inaugurado laboratorio de xestión automatizada da plataforma de produción de fármacos Innopharma e coñecer o proxecto de mecenado Sumo Valor sobre como combater a calcificación das arterias para previr a enfermidade cardiovascular.
Diversión e divulgación
Como elaborar un dentífrico natural, a observación como científicos das células animais e vexetais, poder buscar microbios ou comprobar como o corpo humano funciona como un circuito eléctrico son os talleres de Ciencia Divertida previstos para este ano.
“O cerebro nas túas mans” no #Ano Cajal, “Quen é a estufa na túa casa”, “a locomotora da vida”, “ilusións ópticas: maxia ou ciencia? e “farmacoxenética: descifrando o ADN” son os títulos dos talleres divulgativos que o CiMUS da USC elixiu para aproximarse ao seu público.
Tamén no apartado de divulgación, haberá lugar para conversar con algúns dos investigadores do CiMUS como Ángel Carracedo, sobre os grandes proxectos nacionais e internacionais en xenoma humano; con Jannette Rodríguez, sobre se se pode rexenerar o cerebro; con Rubén Nogueiras, sobre que son e se poden curarse a obesidade e enfermidades asociadas; e con Iria Gómez Touriño, acerca da loita interior que se ocasiona cando nosas defensas non fan o seu traballo.
Espertar vocacións científicas
Ciencia Singular é unha iniciativa de divulgación científica realizada de forma conxunta entre catro centros pertencentes á Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que contan coa acreditación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade como centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS): CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías). Esta acreditación CIGUS acredita a calidade e impacto da súa investigación. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade senta máis próxima a actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento.
Máis información en: https://cienciasingular.usc.es/